• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

A modalidade ‘Xeral’ da terceira edición do concurso de fotografía ‘A Laracha no Obxectivo’ xa ten gañadores

06/10/2023

Xa hai gañadores da modalidade “Xeral” da terceira edición do concurso de fotografía A Laracha no obxectivo. O xurado nomeado polo Concello, formado por Raúl Lorenzo -fotógrafo profesional e realizador audiovisual-, Guillermo Iglesias -tesoureiro da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte APTCM- e Rosario Mouzo -técnico de Turismo-, reuniuse para valorar todas as imaxes presentadas atendendo aos criterios de impacto visual, calidade técnico-artística e creatividade.

O xurado acordou outorgar o primeiro premio (dotado con 600 euros) á foto titulada Conxunción astronómica, de Andrés García Facal. Trátase dunha panorámica composta por catorce tomas na que se ve o faro das Illas Sisargas, Malpica, a posta da lúa sobre Razo, parte da constelación de Escorpio, o núcleo da Vía Láctea sobre o que pasa unha estrela fugaz e parte da vila e da parroquia de Caión.

O segundo premio (400 euros) é para Fervenza no Acheiro, de Eduardo Verdes Pereira, pola imaxe da baixada de auga nese río á altura da antiga central eléctrica preto da Ribela.

Fervenza no Acheiro

O terceiro premio (250 euros) concédese a Mar de Caión, instantánea tomada por Alejandra Gesto no cantil baixo o Sendeiro de Saldoiro, destacando nela as rochas, o mar e, ao fondo, a vila de Caión.

Mar de Caión

Os premios da modalidade “Xeral”, dotados en total con 1.250 euros, xa están pois decididos, e aínda permanece aberta a votación na modalidade “Redes Sociais”. Ata o venres 13 de outubro ás 9:30 horas calquera internauta pode votar polas súas imaxes favoritas accedendo á páxina de Facebook Turismo da Laracha. Aquela fotografía entre as 27 presentadas que obteña máis “gústames” será a gañadora e o seu autor recibirá 250 euros.

O Concello convocou por terceiro ano consecutivo o concurso fotográfico A Laracha no obxectivo co propósito de recoller imaxes do termo municipal e destacar nelas o patrimonio material e inmaterial, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas, as xentes, etc. As dúas modalidades de concurso establecéronse para animar a participar tanto a profesionais do sector da fotografía como a afeccionados.