• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Laracha súmase á Rede Estatal de Centros de Capacitación Dixital

05/10/2023

A Laracha é un dos nove concellos galegos beneficiarios da convocatoria de axudas do Ministerio de Educación y Formación Profesional para a creación dunha rede estatal de centros de capacitación dixital no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.

Ao abeiro deste programa, o Concello percibirá unha subvención de 24.500 euros que se destinarán a ofrecer aos cidadáns laracheses accións formativas que lles permitan desenvolverse nunha sociedade dixitalizada para evitar que as novas tecnoloxías sexan unha barreira para acceder ao mercado laboral, aos diferentes servizos ou comunicarse coas administracións.

O plan formativo da Laracha sobre dixitalización aplicada constará de trinta horas lectivas e estará aberto a toda a veciñanza. As sesións levaranse a cabo nunha aula de informática que o Concello porá á súa disposición na capital municipal e realizaranse en grupos reducidos con participantes de todos os perfís. A pretensión é formar a un centenar de laracheses durante un período de un ano.

Aquelas persoas interesadas en formar parte deste programa deben poñerse en contacto co departamento de Promoción Económica e Emprego no Edificio Administrativo da Laracha.