Concello
O proxecto de renovación integral da estrada entre Santa Margarita e a DP-2404 suporá un investimento de 393.000 euros
23/09/2023
O Concello ten proxectada a renovación integral da estrada de Montemaior que comunica a vía provincial DP-2404 con Santa Margarita pasando polos núcleos de A Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste. A intervención suporá unha mellora substancial das comunicacións nesa zona da parroquia que nos últimos anos está a rexistrar un notable incremento do volume de tráfico.
Trátase dunha ampla, completa e ambiciosa actuación valorada en máis de 393.000 euros que presenta tres obxectivos prioritarios, como son aumentar a seguridade viaria ao facilitar a circulación dos vehículos, incrementar os servizos e reducir os tempos de percorrido para os usuarios da vía.
En total están afectados 2.355 metros lineais da estrada, que unha vez rematado o proxecto pasarán a ter unha anchura da plataforma da calzada de dez metros -máis do dobre que a actual, especialmente no tramo entre A Baiuca e Propeste, no que non alcanza os cinco metros-, contarán cun novo pavimento e disporán de elementos de seguridade como biondas e sinalización horizontal e vertical, ademais dunha mellor rede de recollida de augas pluviais.
O goberno local proporá á Corporación municipal no Pleno ordinario do próximo xoves a inclusión deste proxecto -para o seu financiamento- na segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS+) Adicional da Deputación da Coruña.
Precisamente para poder executar o proxecto o Concello investirá outros 62.600 euros na adquisición das sesenta e cinco parcelas catastrais afectadas polas obras, estando actualmente en marcha o procedemento de expropiación deses terreos.