Concello
O presidente da Illa do Príncipe visita A Laracha para coñecer boas prácticas do Concello en materia ambiental
14/09/2023
O presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Felipe Nascimento, visitou hoxe o concello da Laracha no marco da xira que está a realizar nesta semana por varios municipios galegos coa fin de coñecer boas prácticas medioambientais. A iniciativa enmárcase nos actos previos á celebración do IV Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía que, co impulso do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e baixo o lema “Gobernanza local para o desenvolvemento sustentable”, vai ter lugar do 23 ao 26 de outubro na illa africana do Príncipe, pertencente á República Democrática de São Tomé e Príncipe e declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO.
Na Laracha Felipe Nascimento, que viaxa acompañado do asesor gobernamental Antonio Machiaba, foi recibido por unha representación do goberno municipal formada polas concelleiras Rocío López e Patricia Bello, e tamén por responsables de Coregal -empresa concesionaria da xestión do punto limpo e da recollida de residuos sólidos urbanos- e da Fundación Galicia Sustentable, que está a desenvolver no termo municipal da Laracha proxectos en materia ambiental.
Trala recepción oficial na Casa do Concello, a comitiva visitou as instalacións do punto limpo. A continuación desprazáronse á área verde do parque empresarial da Laracha, o espazo que vai ser obxecto da primeira actuación piloto do plan estratéxico ambiental Alanat (A LAracha NAtureza) que impulsa o Concello da man da Fundación Galicia Sustentable.
Ademais da Laracha, as autoridades do país africano estiveron nesta semana en Nigrán, Moaña e a Deputación de Pontevedra. Mañá teñen previsto reunirse en Santiago de Compostela co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. Ademais, a delegación do Príncipe atoparase con responsables da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, coa que a illa está irmandada, da man do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA). Así mesmo, reunirase con representantes do Fons Menorquí de Cooperació, que está a explorar a posibilidade de impulsar no arquipélago un proxecto de cooperación internacional no que tamén podería participar o Fondo Galego.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos -entre eles, A Laracha- e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 25 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.