• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O Concello convoca a terceira edición do concurso de fotografía "A Laracha no obxectivo"

14/09/2023

O Concello convoca a segunda edición do concurso de fotografía A Laracha no obxectivo, no que se convida a participar a veciños, visitantes, profesionais da fotografía e afeccionados de todas as idades. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as BASES.

A través deste certame preténdese recoller imaxes de calquera lugar do termo municipal da Laracha para destacar os seus atractivos, como poden ser o patrimonio material e inmaterial, as paisaxes, a etnografía rural, as aldeas, as xentes, etc.

O concurso dividirase en dúas modalidades e repartirá un total de 1.500 euros en premios.

A modalidade Xeral ten establecidos un primeiro (600 euros), segundo (400 euros) e terceiro (250 euros) premios. Cada concursante poderá presentar un máximo de tres fotografías, que deben ser inéditas e non estar xa seleccionadas ou premiadas noutro certame ou concurso. É obrigatorio que as imaxes fosen tomadas no termo municipal da Laracha, e que como tal sexan recoñecibles, non admitíndose aquelas que non cumpran este requisito.

Para garantir o anonimato de cada participante de cara á valoración por parte do xurado, as instantáneas deben presentarse en formato dixital (CD ou lapis de memoria) no rexistro do Concello sen ningún tipo de identificación que permita coñecer a identidade do autor.

O xurado nomeado polo Concello estará formado por profesionais especializados en materias audiovisual e turística. Teranse en conta para outorgar os premios aspectos como o impacto visual, a calidade técnico-artística e a creatividade de cada fotografía que se presente ao concurso.

Na modalidade Redes Sociais hai establecido un único premio de 250 euros para aquela fotografía que obteña máis “gústames” durante o período de dez días nos que calquera usuario poderá votar as súas imaxes favoritas na páxina de Facebook de Turismo do Concello da Laracha. Neste caso limítase a unha única imaxe por cada participante e poderase enviar en liña cubrindo este FORMULARIO.

O prazo para presentar as fotografías en ambas modalidades estará aberto desde o 15 ata o 30 de setembro.