• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O PLENO ACORDA A INCORPORACIÓN DO CONCELLO DA LARACHA AO SISTEMA DA HISTORIA SOCIAL ÚNICA ELECTRÓNICA

27/01/2017

Na sesión ordinaria do Pleno celebrada hoxe, os catro grupos políticos con representación na Corporación municipal aprobaron por unanimidade os dous puntos incluídos na orde do día a proposta do equipo de goberno local.

Por una parte acordouse a adhesión ao convenio promovido pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a implantación da historia social única electrónica (HSUE). O propósito esencial é a modernización tecnolóxica dos servizos sociais para mellorar a eficiencia na xestión e, ao mesmo tempo, garantir a sustentabilidade da organización e incrementar a capacidade para dar cobertura á demanda existente. O plan baséase na creación dun sistema integrado de intercambio de información entre os servizos sociais, os sanitarios e as administracións locais e autonómica. A HSUE é considerada como o soporte máis axeitado para a intervención social porque facilita o manexo da accesibilidade á información de relevancia por parte de todos os profesionais técnicos implicados, o que posibilitará o xurdimento dun novo xeito de traballar máis áxil e eficiente. En todo caso, este sistema garante a confidencialidade e respecta plenamente os dereitos das persoas usuarias.

Así mesmo foi aprobada a modificación da ordenanza fiscal número 17, reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO). O texto actual contempla bonificacións na cota do 75% para actuacións que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego. O cambio supón o incremento ata o 95% de dita bonificación para o caso de actuacións promovidas polas administracións para a implantación de servizos públicos ou de interese comunitario. A primeira das obras que se beneficiaría desta medida será a ampliación do centro médico e punto de atención continuada da Laracha que acometerá a Xunta de Galicia.

Ademais, deuse conta á Corporación das 255 resolucións de alcaldía ditaminadas entre o 23 de novembro e o 23 de xaneiro, así como do informe relativo ao período legal de pago e ao período medio de pago correspondente ao cuarto trimestre de 2016. Entre os meses de outubro e decembro aboáronse preto de dous millóns de euros en facturas a provedores, sendo máis de seiscentas as operacións realizadas nunha media de 26,49 días e, por tanto, “cumprindo estritamente a normativa, aínda que é o trimestre máis complicado do ano porque supón o peche do exercicio”, como afirmou o alcalde, José Manuel López Varela.

Salientar, tamén, a aprobación por unanimidade dunha moción na que se apoia a proposta do Parlamento Galego de transferir a titularidade da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia.

Por último, o alcalde explicou detalladamente toda a tramitación que o Concello da Laracha ten realizado para a creación dun campo de fútbol en Caión de titularidade municipal e, polo tanto, pública. López Varela afirmou que “este grupo de goberno ten vontade de facelo e vai apostar porque Caión teña un campo de fútbol”.