• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

O CONCELLO SOLICITA A PARTICIPACIÓN EN PROGRAMAS DE VOLUNTARIADO DE CARA AO VERÁN

25/04/2016

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse o 21 de abril nunha sesión ordinaria na que se acordou solicitar a participación en varios programas convocados por diferentes Consellerías de Xunta de Galicia.   

Por unha banda pedirase formar parte do programa do Servizo de Voluntariado Xuvenil da Consellería de Política Social (DOG número 58 do 28 de marzo). A convocatoria vai dirixida a entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia -no que está integrado o Concello da Laracha- e ten por finalidade que mozos galegos colaboren como voluntarios no desenvolvemento de actividades e proxectos.   

Deste xeito o Concello da Laracha ofrecerá a mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos a súa participación durante o próximo verán como voluntarios na organización e desenvolvemento do programas culturais e deportivos (cursos, campamentos, saídas culturais, campionatos, etc.), sociais (campamentos urbanos, entre outras iniciativas) e medioambientais (estudos de roteiros, análise das zonas fluviais, etc.).   En todo momento os voluntarios estarían dirixidos por un técnico especializado en cada materia. Ao remate dos seus proxectos obterían o certificado de experiencias voluntarias expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.   

Por outro lado, tamén se solicitou a participación no programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG número 59 do 29 de marzo) para o equipamento e mellora das instalacións e locais utilizados para a realización de actividades culturais. O Concello pretende acollerse a esta liña de axudas para renovar o mobiliario do centro sociocultural da Ínsua (Caión).   

Por último, o Concello tamén desexa beneficiarse da convocatoria da Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ao abeiro da orde para a dotación con equipamento de emerxencias (DOG número 71 do 14 de abril), solicitándose a cesión de embarcacións pneumáticas e remolques de salvamento e rescate.   

Salientar, para rematar, que na Xunta de Goberno Local foron concedidas tres licencias urbanísticas.

Compartir: