• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello volve ofertar visitas guiadas pola vila de Caión

10/08/2023

O Concello volve ofertar dúas visitas guiadas polos puntos máis destacados de Caión co obxectivo de coñecer o seu presente e tamén o pasado.

O percorrido levará aos participantes polo exterior do Pazo de Graxal, o Rueiro das Figueiras, o barrio de San Roque, o porto, a igrexa da Nosa Señora do Socorro, a reitoral e tramos do paseo marítimo e Sendeiro de Saldoiro. O remate será no museo do Arquivo da Pesca, situado no baixo da Confraría de Pescadores.

Ao estar todos os puntos a visitar moi próximos entre si, a iniciativa vai dirixida a todos os públicos, mesmo ás persoas residentes en Caión, xa que a dificultade do percorrido é baixa.

Para poder participar non se require inscrición previa. O punto de encontro desde o que se iniciará o percorrido é a Praza Eduardo Vila Fano os sábados 19 e 26 de agosto ás 12:00.

A iniciativa vólvese ofrecer trala excelente resposta obtida por veciños, turistas e visitantes nas visitas guiadas de similares características realizadas no pasado mes de xuño.

Visitas guiadas ao Museo dos Muíños de Golmar

Outro programa cultural que oferta o Concello céntrase no patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga. Inclúe visita guiada ao Museo de Golmar e a realización da Ruta da muiñeira a ritmo do río Acheiro, unha andaina de 4 quilómetros a carón do Acheiro na que poderán observarse os restos de antigos muíños ao paso do río polas parroquias de Golmar e de Vilaño.

Hoxe realizouse a primeira, coa presenza de 40 participantes. Quedan prazas dispoñibles para as xornadas dos xoves 17 e 24 de agosto en horario de 10:00 a 13:00 horas. A inscrición, gratuíta, debe formalizarse na oficina de información turística de Caión, enviando un e-mail a turismo@alaracha.gal ou chamando ao 981604324.