Concello
COMEZAN A IMPARTIRSE OS CURSOS FORMATIVOS ORGANIZADOS POLO CONCELLO E A CÁMARA DE COMERCIO
23/01/2017
A Casa da Cultura da Laracha acolleu hoxe o acto de presentación das accións formativas que se impartirán baixo a organización do Concello da Laracha e da Cámara Oficial de Comercio, Servicios, Industria y Navegación de A Coruña. A finalidade esencial destes programas é ampliar os coñecementos e capacidades profesionais de mozos de entre 18 e 30 anos de idade para mellorar a súa empregabilidade e ofrecerlles novas posibilidades de integración no mercado laboral.
O acto de hoxe estivo presidido polo alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Gonzalo Ortiz. Contouse, ademais, coa presenza da concelleira de emprego, Rocío López, e de María Fernández en representación da empresa Cendá Gestión Creativa, encargada de impartir os cursos. Entre o público asistente atopábanse os vinte alumnos cos que conta esta iniciativa e tamén o persoal docente.
O programa está dividido en dúas partes. Nestes momentos está en marcha a primeira delas, consistente na formación troncal e común para todos os alumnos. Será un total de 65 horas lectivas a realizar ata o vindeiro día 13 de febreiro. Posteriormente, levaranse a cabo as accións formativas específicas, dividindo aos participantes entre os que realizarán o curso de coaching comercial e os que se centrarán nas operacións básicas de cociña e manipulación de alimentos. En ambos casos serán 60 horas lectivas entre o 14 de febreiro e o 6 de marzo.
José Manuel López Varela felicitouse por poder desenvolver estes cursos na Laracha porque “desde o Concello damos moito valor á formación como medio esencial para a inserción laboral”. Por iso agradeceu á Cámara de Comercio “que pensara no noso municipio para facer os cursos” e animou aos alumnos a “aproveitalos ao máximo”.
Gonzalo Ortiz quixo resaltar “as facilidades ofrecidas polo Concello”, que permiten levar a cabo este programa “individualizado co que pretendemos acompañar aos mozos nun itinerario de capacitación deseñado á súa medida e tamén á demanda das empresas”. Por iso considera que “todos os módulos son prácticos para a inserción laboral” e concluíu resaltando a “especialización do equipo docente, composto por persoas coñecedoras da realidade sociolaboral e das necesidades das empresas”.
Por último, María Fernández tamén agradeceu “a acollida por parte do Concello e a súa sensibilidade e aposta polo desenvolvemento de programas formativos en materia de emprego”. Afirmou que nos cursos se empregarán “técnicas innovadoras e creativas” e rematou cunha mensaxe directa aos alumnos: “as verdadeiras oportunidades están dentro de nós mesmos, e imos axudarvos a descubrilas”.
Estas accións formativas contan co cofinanciamento da Cámara de A Coruña, a Cámara de Comercio de España, o Fondo Social Europeo e o Ministerio de Empleo y Seguridad Social. Os destinatarios son mozos menores de trinta nos de idade que estean inscritos no Fichero Nacional de Garantía Juvenil, se atopen en situación de desemprego e estean dados de alta no Plan PICE das Cámaras de Comercio.