• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezan as obras de ampliación da rede de banda larga entre O Peón e Os Muíños

22/07/2023

O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, mantiveron unha reunión cos responsables de Montajes Eléctricos Tibar, a empresa contratada por Teléfonica para executar as obras de despregamento da rede de banda larga no termo municipal da Laracha. A xuntanza tivo lugar en O Peón (parroquia de Lestón), precisamente o punto no que comezou a executarse unha nova intervención a través da que se estenderá a rede ata Os Muíños, reforzando así a cobertura de banda larga nas parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres.

Paralelamente, continúan en fase de execución os traballos de similares características en Estramil e na Barreira (parroquia de Torás), grazas aos que se dará servizo a esa zona. Neste caso o Concello permitiu a Telefónica empregar a canalización soterrada xa dispoñible para os diferentes servizos municipais, polo que ademais, de reforzar a cobertura de fibra óptica, tamén serán eliminados das beirarrúas os postes do tendido aéreo, o que repercutirá nunha maior comodidade para os peóns e no incremento da seguridade viaria na estrada principal de Estramil.

Outra intervención de entidade importante que se executará a continuación localízase no núcleo urbano de Paiosaco, xunto ao campo da feira, ata A Cachada (parroquia de Lestón).

Cabe lembrar que no pasado mes de maio xa se realizaran estes mesmos traballos entre o núcleo da Xesteira e a parroquia de Lemaio, afectando aquelas obras a un tramo soterrado de canalización situado na glorieta dun extremo do parque empresarial.

Os responsables de Tibar comunicaron ao Concello que Telefónica, con estas actuacións e outras de menor entidade que se levarán a cabo en diversas localizacións, prevé dotar co servizo de banda larga e fibra óptica ao cen por cen do territorio do termo municipal da Laracha.

No momento actual o Concello ten todas as solicitudes de licencias ou autorizacións municipais para a execución de obras relativas ao despregamento da rede de banda larga de internet contestadas e resoltas. A inmensa maioría dese tipo de solicitudes son comunicacións previas que levan implícita a concesión da licencia de modo inmediato. Naquelas nas que si se require dunha autorización municipal expresa, os trámites do Concello realízanse pola vía de urxencia sempre que conten coas preceptivas autorizacións doutros organismos ou administracións (Deputación da Coruña, Estradas, Patrimonio, etc.).

O Concello mostra a súa satisfacción polo froito das xestións municipais realizadas para o despregamento da rede de banda larga de internet. Ao mesmo tempo lembra á cidadanía que para coñecer se un núcleo de poboación determinado ou unha vivenda en concreto dispoñen de cobertura de fibra óptica, deben consultalo directamente coa diferentes compañías de telecomunicacións que prestan dito servizo.