• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello renovará a Casa Consistorial cun proxecto baseado na estética, a funcionalidade e a sustentabilidade

15/07/2023

A Casa Consistorial da Laracha será obxecto dun proxecto de rehabilitación integral que modernice o edificio facéndoo máis operativo e eficiente no aspecto enerxético. A intervención presentará un impacto directo no núcleo urbano da Laracha e na poboación en xeral do termo municipal por tratarse do edificio principal da administración local e unha das imaxes máis recoñecidas do concello.

En próximas datas o Concello convocará un concurso de ideas para o proxecto. O orzamento inicial ascende a 1.250.000 euros, contándose para o seu financiamento cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea ao abeiro da convocatoria de axudas para a rehabilitación de edificios de titularidade pública.

A Casa Consistorial foi construída no ano 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, case medio século despois da inauguración, a edificación require dunha rehabilitación integral que adecúe as instalacións para unha máis óptima prestación de servizos á cidadanía. Ademais, aproveitarase a oportunidade para renovar a envolvente exterior, facendo o inmoble máis moderno visualmente, máis eficiente enerxeticamente e mellor integrado na Praza do Concello.

Tres principios: estética, funcionalidade e sustentabilidade

Neste sentido, a reforma proposta baséase en tres principios esenciais. Por unha parte, a estética interior e exterior da nova Casa Consistorial, propoñendo unha actuación integradora que proporcione unha unidade de conxunto ao edificio e aos espazos circundantes.

Tamén se terá especial atención á funcionalidade, coa completa reestruturación dos ámbitos interiores para optimizar a organización das dependencias dos diferentes departamentos municipais e prevendo, tamén, a transformación do entorno nun punto de referencia e encontro que continúe servindo tanto para o fundamental uso administrativo da edificación como para o ocio o esparexemento da poboación en xeral no entorno da Praza do Concello. Entre outras medidas, contémplase a cubrición do parque infantil situado no lateral da Casa Consistorial.

O terceiro principio será a sustentabilidade, co emprego de materiais naturais e de proximidade, o illamento das envolventes, a instalación de sistemas de calefacción e de ventilación e o aproveitamento da luz natural que permitan reducións significativas de consumos enerxéticos de acordo aos compromisos adquiridos polo Concello ao adherirse ao Pacto das Alcaldías e tamén ás directrices establecidas na Axenda 2030.

Proceso participativo para a cidadanía

O Concello impulsará unha consulta pública para convidar á poboación larachesa a mellorar e optimizar o proxecto de reforma da Casa Consistorial mediante un proceso participativo no que a cidadanía poderá realizar propostas, expresar opinións e emitir valoracións en relación ao deseño da intervención.