• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Alumnado do CEIP Otero Pedrayo pinta no colexio un Mural pola Igualdade por iniciativa do Concello

19/05/2023

O programa Mural pola igualdade impulsado polo Concello chegou ao CEIP Otero Pedrayo, onde o alumnado está a pintar unha das paredes exteriores da entrada ao edificio principal do centro grazas a esta iniciativa.

Na actividade participan alumnos de 5º a 6º de primaria. A primeira fase consistiu no traballo de aula sobre a elaboración do deseño, para o que se levaron a cabo varias sesións nas que se formou aos alumnos sobre os contidos a tratar no mural, a dinámica do concurso de debuxos orixinais e a presentación dos traballos para a posterior selección do escollido para plasmalo no muro.

O deseño elixido foi o de Bruno Torreira López, de 6º de primaria, que empregou personaxes de videoxogo para plasmar unha escena de igualdade na que a princesa Peach é a que pretende salvar a Mario Bros, que está atrapado por Bowser. Precisamente o propio autor explicoulles ao alcalde, José Manuel López Varela; á concelleira de Educación, Patricia Bello; á directora do Centro de Información ás Mulleres, Ana Aldao; e aos monitores de Mural pola igualdade a mensaxe do seu traballo.

A segunda parte do programa, actualmente en fase de desenvolvemento, é o propio pintado do mural a cargo do alumnado do colexio dirixido polos monitores e que se prevé finalizar durante a próxima semana.

Mural pola igualdade vincúlase estreitamente coa actividade educativa dos centros nos que se leva a cabo e conforma un recurso máis dentro da vida diaria do colexio ao empregar metodoloxías participativas e promover a implicación dos diferentes axentes da comunidade. Como aspectos innovadores, integra a actividade docente como recurso complementario das competencias claves nos eidos da igualdade e a convivencia, potencia a transformación educativa e cultural do espazo do patio no que se sitúa o mural, favorece o uso de técnicas artísticas desde unha perspectiva lúdica e propón o uso da cultura cun sentido amplo que inclúe xogos, creatividade e investigación situando ao alumnado como protagonista do proceso.

Esta mesma iniciativa desenvolveuse no pasado mes de abril no CEIP Alfredo Brañas. No CEIP de Caión e no IES Agra de Leborís está previsto realizala no próximo curso escolar.