• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Deportes

A 13ª edición do Día do Deporte celebrarase o sábado 3 de xuño

20/05/2023

O Día do Deporte da Laracha alcanzará a súa decimoterceira edición o sábado 3 de xuño, unha cita consolidada na programación anual municipal na que se convida a participar a toda a cidadanía. O propósito esencial é dar visibilidade ás diferentes modalidades deportivas, fomentar a práctica de diversidade de tipos de actividade física e promocionar os estilos de vida saudables entre persoas de todos os grupos de idade, en especial nenos e maiores.

A xornada desenvolverase na Praza Les Sables d’Olonne e en todo o seu entorno ((Praza da Cultura, piscina municipal e pavillón do IES Agra de Leborís), incluíndo tamén a nova zona deportiva da parte traseira do instituto, na que xa están dispoñibles as dúas pistas polideportivas e o skatepark.

As persoas que se acheguen para desfrutar deste evento poderán practicar fútbol sala, baloncesto, judo, tiro con arco, mountain bike, xadrez, equitación, ximnasia de mantemento, billarda, skate, aquagym e actividades de primeiros auxilios. Como principal novidade desta edición, a colaboración de Enki posibilitará a práctica de deportes adaptados co propósito de aproveitar a xornada para incidir na inclusión e na diversidade a través do deporte.

Ademais, haberá exhibicións de patinaxe, zumbea, zumbea kids e danza urbana coas que se clausurará a temporada das escolas deportivas municipais desas disciplinas.

Como actividades lúdico-deportivas que complementan a oferta están os karts a pedais, portería inchable, escalada tobogán, táboa de surf e barredoira.

Cada persoa que participe nunha actividade recibirá un boleto para a tómbola co sorteo dos premios que se vai realizar a partir das 13:30 horas para pechar a xornada.

Colaboran co Concello na organización do Día do Deporte, ademais de Enki, o Club Baloncesto Laracha, Club de Salvamento Acuático Laracha (SAL), Club Patín Conxuro, Club Arco Laracha, Laracha en Dúas Rodas, Club Amigos del Judo, Club de Billarda APB A Laracha, Billarda Campo da Feira e Hebe Sport, a empresa concesionaria da xestión do complexo deportivo da piscina municipal.

Compartir: