• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Educación

O NOVO PAVILLÓN DO CEIP RAMÓN OTERO PEDRAYO DA LARACHA XA ESTÁ A DISPOSICIÓN DO CENTRO

14/01/2017

O Concello da Laracha deu por rematadas recentemente as obras de construción da estrutura, as gradas e as pistas do novo pavillón do CEIP Ramón Otero Pedrayo e puxo as instalacións a disposición do centro para ser empregadas polos alumnos do colexio en horario escolar. Durante as próximas semanas tamén se irá trasladando a este lugar a actividade de varias escolas deportivas municipais como as de baloncesto, patinaxe e fútbol sala.

O pavillón alcanza os 1.400 metros cadrados de superficie pechada, incluíndo a pista de xogo, gradas, vestiarios, aseos e almacéns. A actuación completa supuxo un investimento duns 520.000 euros. Ademais da forte aportación económica municipal procedente de fondos propios, contouse coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña para o seu cofinanciamento. Así mesmo, nos orzamentos do Concello da Laracha para o novo exercicio 2017 están contempladas varias partidas económicas que alcanzan os 62.000 euros e dirixidas a mellorar a urbanización exterior, a iluminación e os equipamentos do polideportivo

Desde o Concello da Laracha queremos mostrar a nosa satisfacción por poder ver aos alumnos do colexio facendo uso do polideportivo, unha instalación cuberta, ampla, e funcional na que os rapaces e o persoal docente poderán desenvolver con comodidade as clases de educación física, encontros multitudinarios ou calquera outro tipo de evento que se leve a cabo neste centro, que conta con preto de seiscentos escolares. 

O momento da estrea do pavillón significou un antes e un despois para o CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha pola calidade e cantidade de instalacións coas que conta o centro. Estamos ante unha vella aspiración do goberno local da Laracha que agora se fai realidade despois dun importante retraso nos prazos das obras por causas imputables, exclusivamente, á empresa contratista, cuestións das que se ofreceu puntualmente información á comunidade educativa por parte dos técnicos e dos representantes políticos municipais.

O do CEIP Ramón Otero Pedrayo é o quinto pavillón polideportivo do Concello da Laracha, sumándose ao situado no complexo deportivo do campo de fútbol da Laracha, ao do IES Agra de Leborís, ao do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e a o de Xermaña, en Caión.