Concello
Caión acollerá a exposición fotográfica “Trece luces na nosa costa” de Antonio Fernández
03/05/2023
Este venres ás 20:00 horas celebrarase no centro sociocomunitario de Caión o acto de inauguración da exposición fotográfica Trece luces na nosa costa, do carballés Antonio Fernández.
A mostra pretende ofrecer unha visión da Costa da Morte diferente á habitual. Na procura de plasmar os faros tanto como elemento de seguridade para os mariñeiros como de alto valor patrimonial e cultural, o autor emprega unha técnica novidosa coa que capta nunha soa instantánea esa dobre dimensión.
Ademais da presenza dos faros -incluíndo o de Caión- como fío condutor, a exposición tamén conta con outras fermosas imaxes do sol e da lúa aliñados con elementos representantivos da Costa da Morte. Precisamente unha desas fotografías, a da lúa chea sobre o Santuario dos Milagres de Caión, foi a gañadora da primeira edición do concurso A Laracha no obxectivo organizado polo Concello.
A exposición Trece luces na nosa costa poderase visitar no centro sociocomunitario de Caión do 8 ao 31 de maio, de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.