• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello adxudica á Fundación Galicia Sustentable a execución do Plan Estratéxico Ambiental municipal

30/04/2023

Co propósito de destacar os valores ambientais do municipio e implicar neles á poboación, o Concello promove o desenvolvemento dun Plan estratéxico ambiental que se vai levar a cabo ao longo dos próximos meses baixo a denominación Alanat (A LAracha NAtureza) da man da Fundación Galicia Sustentable.

O ámbito de actuación de Alanat é o conxunto do territorio do termo municipal da Laracha, considerándoo de xeito integral e prevendo intervencións diferenciadas e adaptadas a toda a tipoloxía de espazos existentes: área de biodiversidade, liña de costa, sendeiros, camiños, corredores ecolóxicos, espazos de valores ecosistémicos, áreas de alto potencial agrarario, zonas forestais, leitos fluviais, zonas húmidas, lugares de interese paisaxístico, etc.

Alanat propón o desenvolvemento de intervencións mediante unha metodoloxía mixta que combine a participación cidadá e de expertos. De feito, obxectivo prioritario é que a sociedade larachesa coñeza, se sinta orgullosa e axude a identificar e conservar os valores ambientais presentes no concello. A validación técnica por parte de expertos establecerá as accións concretas a levar a cabo.

A primeira actuación piloto de Alanat levarase a cabo na área verde do parque empresarial, espazo considerado idóneo para acoller unha iniciativa destas características tanto polo seu emprazamento como pola riqueza natural que presenta.

Entre as accións previstas está a mellora sobre os seus camiños interiores (drenaxe, accesibilidade, mobiliario integrado, sinalización e creación de zonas de transición entre os diferentes entornos) que favorezan o uso e desfrute pola cidadanía, pero sempre baixo a premisa de que as intervencións sexan o menos transformadoras posibles. Tamén se traballará sobre a calidade ambiental, recuperando especies autóctonas, repoboando ecosistemas de ribeira, habilitando espazos de biodiversidade e levando a cabo intervencións de restauración ecolóxica. Ademais, definiranse zonas de estancia para persoas que sexan compatibles cos valores ambientais que se queren protexer, habilitarase unha aula de interpretación para realizar actividades educativas e será integrado no perímetro un espazo de horta urbana didáctico. Tamén serán instalados paneis informativos e sistemas de vixilancia ambiental que recompilen datos sobre o microclima do espazo.

Para garantir o mantemento e funcionamento da área poranse en marcha accións de implicación cidadá como a creación de grupos de voluntariado ambiental, desenvolvemento de obradoiros educativos e actividades ao aire libre e xeración alianzas estratéxicas co tecido empresarial que promovan a xestión sostible do espazo natural.

O Concello pretende que este proxecto piloto que propón Alanat na área verde do parque empresarial verifique a viabilidade das intervencións para poder implementalas a gran escala neste e noutros lugares de alto valor ambiental do termo municipal e sexa un aliciente que implique á cidadanía larachesa nesta iniciativa municipal.