• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello inicia o proceso de contratación do proxecto de ampliación do punto limpo

24/04/2023

O Concello vén de iniciar o procedemento de contratación  da execución do proxecto de ampliación das instalacións do punto limpo co propósito de mellorar o equipamento e incrementar e optimizar os servizos que ofrece á cidadanía. Nos próximos días dito proxecto sacarase a licitación, momento no que se abrirá o prazo de presentación de ofertas.

A intervención contempla a urbanización dun sector da parcela recentemente adquirida polo Concello xunto ao punto limpo para a creación dun novo espazo con acceso pola entrada principal que complemente ao xa dispoñible no momento actual. Así, facilitarase ao persoal o desenvolvemento das tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente.

Cartel ampliación Punto Limpo

No novo espazo está prevista a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais), plataformas para incrementar a cantidade de contedores dos diferentes tipos de residuos, zona de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas.

Tamén se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais.

Tendo en conta que os usuarios que se achegan ata o punto limpo poden facelo tanto a pé como en vehículo, o deseño e ordenación dos novos espazos disporá das dimensións, sinalización e organización axeitada para o tránsito peonil e rodado con garantía de seguridade.

O proxecto está valorado en preto de 250.000 euros e será cofinanciado entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.