• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A segunda escavación no Castro de Montes Claros xa está en marcha

25/04/2023

A segunda escavación arqueolóxica do Castro de Montes Claros xa está en marcha, continuando a aposta que o Concello está a realizar para poñer en valor este poboado fortificado da Idade do Ferro situado entre as parroquias de Cabovilaño e Vilaño.

Despois da primeira intervención realizada en 2021 e que incluíra dúas catas coas que se sondearon a croa e a terraza inicial, agora dáse continuidade con esta nova escavación profesional a cargo de Árbore Arqueoloxía e baixo a dirección de Puri Soto que se prolongará por un período dun mes. Os obxectivos primordiais son protexer e recuperar este elemento clave do patrimonio municipal mediante a investigación e a promoción sociocultural, contemplando o castro non só como un recurso cultural, tamén como enclave de alto valor paisaxístico, turístico e didáctico.

Nesta fase inicial da segunda escavación estase traballando no barrio extramuros da porta leste do xacemento, lugar no que foran descubertas dúas pías hidráulicas escavadas na rocha que agora son obxecto dunha investigación para tratar de determinar a súa función.

A continuación tamén esta previsto intervir sobre as estruturas que definirán a entrada principal á croa do castro.

En síntese, o proxecto desta segunda escavación atende a tres aspectos fundamentais. O primeiro está relacionado coa documentación e a investigación, presentando os propósitos primordiais tanto de afondar na caracterización do castro como de dotar de contexto histórico ao miliario de Vilaño localizado nesta zona. Do mesmo xeito, estudarase o papel xogado polo antigo poboado na conformación das primeiras paisaxes agrarias e as transformacións sufridas durante a romanización. Tamén serán documentados todos os restos achados e tomaranse mostras para efectuar analíticas.

No que atinxe á consolidación, conservación e mantemento inclúense intervencións dese tipo nas estruturas aparecidas en áreas de traballo, contemplando posibles peches controlados de zonas abertas. Tamén se establecerán protocolos de actuación en áreas protexidas para preservar a pradería natural do ámbito.

Por último, na parte de divulgación e comunicación serán deseñadas campañas de promoción e explicación dos resultados da intervención arqueolóxica como recursos culturais e didácticos especialmente dirixidos aos centros de ensino. Neste sentido, para o xoves da semana que vén (4 de maio) xa está prevista a visita dun grupo de alumnos do colexio coruñés Fogar de Santa Margarita para realizar actividades e obradoiros. Ademais, a andaina solidaria que organiza este domingo a Xunta Local da Laracha da Asociación Española Contra o Cacro en colaboración co Concello, inclúe unha visita guiada ao castro.

Paralelamente á escavación arqueolóxica, cabe lembrar que o Castro de Montes Claros tamén está a ser obxecto dunha intervención de limpeza, desbroce e deseucaliptización a cargo da especialidade de actividades auxiliares en conservación de mellora de montes do obradoiro de emprego que desenvolven conxuntamente os Concellos da Laracha e de Arteixo co apoio financeiro da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Ademais, no próximo verán realizarase un novo campo de voluntariado que actuará tamén no xacemento.