• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Mesa de Contratación valorará a próxima semana as ofertas das empresas que optan á adxudicación do contrato de renovación da maquinaria do ximnasio

22/04/2023

O Concello reunirá a próxima semana a Mesa de Contratación para proceder á valoración e clasificación das ofertas presentadas polas cinco empresas que optan á adxudicación do contrato de subministro das novas máquinas de alta gama coas que se equipará o ximnasio do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha.

O contrato ten un orzamento próximo aos 47.000 euros e inclúe catro máquinas cardiovasculares (dúas cintas de correr e dúas de suspensión elíptica), dezaseis de musculación e equipamento de peso libre.

Pola súa parte, a licitación do contrato de execución do proxecto de renovación das instalacións do complexo da piscina e o propio ximnasio municipais da Laracha quedou deserta ao non presentarse ofertas durante o prazo establecido.

O Concello reiniciará maior brevidade posible o procedemento de contratación destas obras valoradas en 134.000 euros. Contémplanse varias intervencións diferenciadas e complementarias entre si coa finalidade de mellorar os equipamentos, facelos máis atractivos e eficientes, e ofrecer un maior confort aos usuarios e novas oportunidades para a práctica de actividade física.

Na zona do vaso da piscina inclúense intervencións na praia que pretenden reducir os desbordamentos que se rexistran especialmente nos momentos de maior uso da instalación. Isto suporá un impacto positivo tanto no aforro de auga como na eficiencia enerxética.

Na parte exterior da edificación está prevista a nova impermeabilización da cuberta e a completa renovación das fachadas exteriores.

Na zona do ximnasio contémplase a renovación do pavimento coa instalación de dous tipos de superficies adaptadas ás diferentes necesidades que presentan as salas de máquinas e as de actividades. Ademais, realizaranse as intervencións oportunas para mellorar a climatización na sala de spinning.