• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Asociación Cultural Santa María de Torás presentou no Concello o I Día da Muiñeira

18/04/2023

A presidenta da Asociación Cultural Santa María de Torás, Almudena Martínez, e dous directivos da entidade, Raúl Tova e Iria Bolón, presentaron hoxe ao alcalde, José Manuel López Varela, e á concelleira de Cultura, Patricia Bello, a I edición do Día da Muiñeira da Laracha. O evento vaise celebrar na tarde do domingo 14 de maio coa colaboración do Concello.

Segundo informaron os membros da asociación, polo momento xa está confirmada a asistencia de dez grupos procedentes de diferentes localidades galegas, pero agardan que nos próximos días se vaian incorporando máis participantes coa previsión de alcanzar a vintena.

O evento principiará ás 16:30 horas coa concentración de todos os grupos na Praza do Concello. A continuación farase un pasarrúas ata a praza Les Sables d’Olonne (explanada fronte a biblioteca da Laracha), onde estará montado o escenario. Trala presentación da xornada e a lectura do pregón, todos os grupos farán un primeiro baile en conxunto, A muiñeira dos nenos.

A continuación terán lugar as actuacións individuais de cada grupo, que serán valoradas polo xurado encargado de outorgar os tres premios ao mellor acompañamento musical, mellor vestiario e mellor actuación. Polo feito de participar cada grupo recibirá un trofeo conmemorativo como agasallo.

O alcalde, José Manuel López Varela, agradeceu a iniciativa da Asociación Cultural Santa María de Torás co desexo de que “esta sexa o primeiro de moitos Días da Muiñeira” e animou a asistir como público a toda a cidadanía larachesa.