Concello
Aberta a inscrición nos servizos de conciliación para o verán e tamén para o curso escolar 2023-2024
17/04/2023
O Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha ten como obxectivo responder ás necesidades das familias derivadas das dificultades que presentan para poder compatibilizar os seus horarios laborais cos escolares dos seus fillos, posibilitando a atención dos menores por persoal cualificado, realizando actividades lúdicas e educativas e tendo a opción de recibir un almorzo equilibrado.
O Concello abriu o prazo de inscrición para os servizos de apoio á conciliación da vida persoal, laboral e familiar que se prestarán a través deste programa durante o verán e tamén no curso escolar 2023-2024.
Para o caso da época estival, o servizo estará operativo desde o remate do actual curso escolar e ata o comezo do próximo no mes de setembro. O horario de funcionamento será de luns a venres de 7:00 a 14:00 horas nas instalacións do CEIP Otero Pedrayo. Vai dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade que estean empadroados no termo municipal da Laracha.
Ofreceranse dúas modalidades, con ou sen almorzo (servirase de 7:00 a 9:00 horas), segundo as necesidades de conciliación de cada usuario. En todo caso incluirase a acollida, coidado, vixilancia e actividades educativas e lúdicas baixo a supervisión de profesionais especializados. Tamén poderá solicitarse o servizo de conciliación fixo para todos os días ou ben de maneira puntual en xornadas soltas ou en determinadas horas.
A preinscrición debe formalizarse ata o día 15 de xuño.
Pola súa parte, o servizo de axuda á conciliación durante o curso escolar 2023-2024 será idéntico ao que se está a prestar no momento actual. Ofértase ao alumnado matriculado nos tres colexios do termo municipal (CEIP Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión) para todos os días lectivos a partir das 7:00 horas e ata o inicio da actividade no centro de ensino correspondente.
Ademais dos servizos básicos, tamén se ofrecen dúas modalidades: todo o curso escolar (coa posibilidade de escoller mes completo ou días soltos) e a utilización do servizo ocasionalmente. En todos os casos existen as opcións con e sen almorzo.
Neste caso a preinscrición estará aberta ata o 31 de agosto, data a partir da que poderán seguir presentándose instancias, pero pasando automaticamente á lista de agarda no suposto de que xa estivesen adxudicadas todas as prazas dispoñibles.
Tanto no servizo que se oferta no verán como no do curso escolar as prazas son limitadas e terán prioridade de acceso as persoas que xustifiquen a necesidade da conciliación atendendo a circunstancias laborais e sociofamiliares, de acordo ás que tamén poderán beneficiarse de bonificacións no prezo xeral do servizo.
As persoas interesadas poden ampliar información e tramitar a preinscrición acudindo ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), situado no edificio administrativo da Laracha. A normativa e os modelos de inscrición en ambos servizos están dispoñibles na web municipal.
Servizo de Canguros
Ademais, cabe lembrar que no marco do Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha o Concello tamén oferta o servizo gratuíto de Canguros dirixido a familias con nenas e nenos desde os catro meses e ata os doce anos de idade que contempla a prestación de coidados básicos e atención nos domicilios, así como o acompañamento de menores fóra da vivenda.
Cada unidade familiar beneficiaria dispón dun máximo de corenta horas anuais para cubrir necesidades puntuais -non de carácter estable ou estrutural prolongadas no tempo- de conciliación obxectivamente demostradas por razóns laborais ou sociofamiliares.
As familias interesadas poden solicitar o servizo no Concello. Para o outorgamento das prazas, persoal técnico municipal realizará as oportunas entrevistas para avaliar a situación e as necesidades de conciliación de cada solicitante.