• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello amplía a beirarrúa e aumenta o espazo de aparcamento na Avenida Manuel Fraga

15/04/2023

O Concello está a transformar a parte traseira do IES Agra de Leborís nunha área de referencia para a práctica libre de actividade física e deportiva. Ademais da creación de dúas pistas polideportivas de uso libre e da recente apertura do parque de patinaxe skatepark, estanse a realizar outra serie de intervencións promovidas e financiadas polo Concello para facer o espazo máis atractivo, cómodo e accesible para os usuarios.

No momento actual as obras localízanse na rede viaria, onde está a ser aumentada a anchura da beirarrúa e creados novos espazos de aparcamento nun sector da Avenida Manuel Fraga próximo ao seu punto de confluencia coa rúa Maruja Mallo, a través da que se accede á Avenida López Astray.

Precisamente pola Avenida Manuel Fraga tamén foi habilitado un novo acceso ao instituto para os autobuses do transporte escolar co propósito de facilitar as manobras dos vehículos e reforzar a seguridade viaria.

Os traballos que xa están na fase final de execución son os correspondentes á creación dunha zona axardinada na esquina traseira do exterior do instituto, xusto a continuación do skatepark. O terreo xa foi acondicionado e feita a plantación do céspede.

Na zona das pistas polideportivas foron pavimentados os pasillos de acceso e instalado un sistema de iluminación co que se facilita o uso dos equipamentos. Nese ámbito está previsto xerar áreas de descanso dotadas con mobiliario urbano e tamén habilitar o primeiro parque de calistenia do termo municipal, completando así a infraestuturas deportivas que se ofertan.

Ademais, para unha máis óptima integración desta zona no núcleo urbano da Laracha, realizouse un acceso directo a pé a través da praza Les Sables d’Olonne, na que se sitúa a biblioteca municipal e a entrada principal ao instituto.

Con estas iniciativas o Concello pretende potenciar os estilos de vida activos e saudables por medio da actividade física en especial entre o público infantil, adolescente e xuvenil, permitíndolles practicar un amplo abano de disciplonas deportivas nun espazo amplo, cómodo e seguro en pleno núcleo urbano da capital municipal.