• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O programa de bonos "Eu merco na Laracha estará dotado con 40.000 euros para reactivar e dinamizar o comercio local

01/04/2023

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, presentaron hoxe o programa Eu merco na Laracha a través do que o Concello dinamizará e reactivará a economía do pequeno comercio, a hostalería e o sector servizos do termo municipal.

A iniciativa consistirá nunha campaña de bonos que se porán a disposición da cidadanía larachesa para empregar nos establecementos adheridos ao programa, subvencionando deste xeito as compras desde o Concello. Así, fortalecerase os negocios locais e fomentarase o consumo de proximidade nos sectores comerciais, hostaleiro, cultural, educativo, salóns de peiteado e beleza, taxis, etc.

O formato de presentación será unha chequeira por un valor de trinta euros que conterá tres bonos de dez euros. Cada un deles será independente e poderase empregar para descontar por cada gasto de vinte euros nas compras, consumos ou servizos nos establecementos ou actividades adheridos (por vinte euros de gasto descontaríase un bono, por corenta euros, dous, e por sesenta euros, tres).

O Concello destinará a esta iniciativa 40.000 euros de fondos municipais -xa consignados nos orzamentos municipais deste ano- para repartir un total de 1.333 chequeiras. Poderán ser solicitadas por calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha e que sexa maior de 18 anos de idade. No caso de que se rexistren máis solicitudes que bonos dispoñibles, para adxudicalos farase un sorteo mediante un sistema electrónico de elección automática e aleatoria.

O alcalde iniciou a súa intervención afirmando que “é unha ilusión sacar adiante esta iniciativa coa que queremos axudar tanto aos veciños como ao sector comercial animando a que a xente compre nos establecementos de proximidade, porque iso é beneficioso para todos”.

Tamén avanzou que os 40.000 euros son una cifra inicial para o financiamento do programa, aínda que “a idea é seguir incrementando esa dotación económica segundo a dispoñibilidade orzamentaria en caso de lograr os obxectivos fixados”.

López Varela avanzou a previsión dos prazos para a o desenvolvemento desta iniciativa:

  • Nos próximos días as bases de Eu merco na Laracha serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia.
  • A continuación, a mediados de abril, abrirase o prazo para aqueles establecementos comerciais que desexen sumarse ao programa.
  • No mes de maio abrirase á cidadanía o período de solicitude dos bonos.
  • Xuño será o mes no que deberán canxearse os bonos nos establecementos e servizos adheridos.

Eu merco na Laracha terá unha páxina web propia na que se ofrecerá á cidadanía información puntual e precisa sobre o programa e permitirá realizar todos os trámites, entre eles as solicitudes dos bonos por parte da veciñanza e a adhesión á iniciativa polos establecementos comerciais.

Por último, o alcalde tamén lembrou que o Concello ten en marcha outra iniciativa que consistirá na creación dunha nova plataforma dixital que posibilitará aos pequenos e medianos comerciantes locais dispoñer do seu propio espazo en internet desde o que promocionar servizos, anunciar ofertas, fidelizar clientes e vender produtos, creando un gran centro comercial virtual aberto a todas as persoas que aposten polo comercio local e que agrupará a todos aqueles establecementos que desexen sumarse a esta iniciativa.