• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello investirá 20.000 euros na segunda escavación arqueolóxica do Castro de Montes Claros

29/03/2023

O Castro de Montes é un poboado fortificado da Idade do Ferro situado no lugar do mesmo nome, entre as parroquias de Cabovilaño e Vilaño. Polo seu tamaño, visibilidade e monumentalidade que presenta, constitúe un dos principais sitios arqueolóxicos do termo municipal.

Nos últimos anos o Concello está a realizar unha forte aposta pola posta en valor deste xacemento, incluíndo a adquisición da totalidade dos terreos que albergan o castro, intervencións de limpeza selectiva e deseucaliptización -realizadas a través de campos de voluntariado internacionais ou, como é o caso actual, dun obradoiro de emprego- e mesmo a primeira escavación arqueolóxica profesional feita en 2021 e que incluíu dúas catas coas que se sondearon a croa e a terraza inicial.

Coa fin de darlle continuidade a aquela campaña inicial, o Concello vén de adxudicar a Árbore Arqueoloxía, baixo a dirección de Puri Soto, a segunda escavación arqueolóxica do Castro de Montes Claros que se vai desenvolver ao longo dos próximos meses cos obxectivos de protexer e recuperar este elemento clave do patrimonio municipal mediante a investigación e a promoción sociocultural, contemplando o castro non só como un recurso cultural, tamén como enclave de valor paisaxístico, turístico e didáctico.

Nesta segunda intervención arqueolóxica proponse a ampliación da cata na primeira terraza nunha superficie de sesenta metros cadrados para descubrir a natureza e extensión do espazo que conforma a porta surleste, investigar a función das grandes piletas escavadas na rocha e definir a estrutura delimitada polo muro empedrado como un posible camiño de acceso á croa.

O proxecto da escavación atenderá a tres aspectos fundamentais. O primeiro está relacionado coa documentación e a investigación, presentando os propósitos primordiais tanto de afondar na súa caracterización como de dotar de contexto histórico ao miliario de Vilaño localizado nesta zona. Do mesmo xeito, estudarase o papel xogado polo antigo poboado na conformación das primeiras paisaxes agrarias e as transformacións sufridas durante a romanización. Tamén serán documentados todos os restos achados e tomaranse mostras para efectuar analíticas de carácter antracolóxico e carpolóxico.

Na fase de consolidación, conservación e mantemento inclúense intervencións dese tipo nas estruturas aparecidas en áreas de traballo, contemplando posibles peches controlados de zonas abertas. Tamén se establecerán protocolos de actuación en áreas protexidas para preservar a pradería natural do ámbito.

Por último, na fase de divulgación e comunicación serán deseñadas campañas de promoción e divulgación dos resultados da intervención arqueolóxica como recursos cultural e didáctico especialmente dirixido ao alumnado dos centros de ensino.

O Concello investirá nesta segunda escavación arqueolóxica do Castro de Montes Claros a cantidade de 20.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais.