Concello
O goberno local propón establecer o máximo tipo de gravame por ICIO a proxectos de produción de enerxía superiores a 100 kW
25/03/2023
O próximo venres celebrarase a sesión ordinaria do Pleno correspondente ao mes de marzo, á que serán elevados os asuntos que se someterán previamente, a principios da semana que vén, a ditame da correspondente Comisión Informativa.
Unha desas cuestións será a proposta, por iniciativa do goberno local, de modificar a ordenanza fiscal número 17 reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).
A actual normativa non recolle a casuística específica das obras que se executen no marco de proxectos relativos á produción de enerxía eléctrica ou de combustibles con potencias superiores a 100 kW, e que serían principalmente relacionados con parques eólicos, incluíndo todos os custos inherentes como son as liñas de evacuación, tendidos, subestacións accesorias e demais instalacións consubstanciais.
No caso de alcanzarse o acordo plenario, a tipo de gravame en concepto de ICIO para proxectos desa natureza será do 4 %, que se aplicaría á base impoñible para determinar a cota a aboar pola promotora.
A modificación desta ordenanza tamén contempla outros cambios normativos que neste caso suporán bonificacións fiscais para outro tipo de proxectos.
Por unha parte, minoraríase en medio punto (pasaría a ser 2 % en lugar do xeral de 2,5 %) o tipo de gravame do ICIO tanto para construcións, instalacións ou obras que se leve a cabo en solo de núcleo rural como para as que se executen en explotacións gandeiras que estean suxeitas a avaliación ambiental de calquera tipo, ou con trámite ambiental en vigor.
Ademais, incrementaríase ata o 75 % (actualmente está no 50 %) a cota tributaria a obras que afecten a inmobles incluídos nun catálogo de protección patrimonial ao ser considerados como proxectos declarados de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego.

