• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Concello e Xunta analizan as actuacións prioritarias a realizar para a mellora dos centros de ensino

26/03/2023

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e as concelleiras Patricia Bello e Rocío López, mantiveron unha reunión co delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, e co xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, na que lles trasladaron propostas de actuacións prioritarias para a mellora das instalacións dos catro centros educativos do termo municipal.

Para o CEIP Otero Pedrayo, que é o que conta con maior número de alumnos matriculados, os representantes municipais propoñen catro intervencións diferenciadas. Dúas delas están relacionadas co Plan especial de equipamentos educativos deste centro, e consisten no acondicionamento dos terreos recentemente adquiridos polo Concello xunto ao colexio, parte deles para destinalos a habilitar un novo acceso para autobuses de transporte escolar e para aparcamento de vehículos tantos de pais como de profesores, e outro sector para adecuar e integrar novos espazos libres no propio interior do centro.

Ademais, solicitouse a renovación da cuberta do patio cuberto e a mellora dos accesos e saídas de emerxencia no comedor escolar.

No CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, o Concello propón a construción dun novo local multiusos que poida funcionar tanto de novo comedor escolar ante o incremento que se está a rexistrar no número de usuarios como de almacén para atender as necesidades do propio colexio. Tamén se solicitou a mellora do peche perimetral.

Do mesmo xeito, no CEIP de Caión a intervención que require dunha maior urxencia é o remate da renovación do peche perimetral do centro.

Para o IES Agra de Leborís suxeriuse estudar a posibilidade de ampliar os espazos.

Os representantes do Concello e da Xunta de Galicia coincidiron na necesidade da cooperación entre administracións para poder mellorar as infraestruturas educativas segundo as necesidades que presenta cada centro.