Concello
Estudantes e profesores de Les Sables d’Olonne visitarán A Laracha nun programa de intercambio
04/03/2023
O Concello da Laracha está irmandado co municipio francés de Les Sables d’Olonne nunha iniciativa que se marcou como finalidade esencial a realización de programas conxuntos relacionados coa cultura, o deporte, o turismo e o coñecemento dos idiomas que beneficiasen á poboación de ambas localidades.
Grazas ao irmandamento nos últimos anos tamén se potenciou o establecemento de contactos entre entidades, asociacións, clubs e centros de ensino da Laracha e de Les Sables d’Olonne. E froito deles, nas próximas semanas o IES Agra de Leborís e o Collège Amiral Marveilleux du Vignaux realizarán unha actividade de intercambio na que participará alumnado e profesorado de ambos centros de ensino.
No caso do instituto larachés, a iniciativa é organizada polo departamento de francés, en representación do que Ana Rodríguez, unha dos seus tres membros, reuniuse no Concello co alcalde, José Manuel López Varela, e coa concelleira de Ensino, Patricia Bello, para explicarlles polo miúdo o programa.
En primeiro lugar serán dez estudantes e dous profesores franceses os que estarán na Laracha entre o 23 e o 29 de marzo. O programa que está preparado para esas xornadas contempla actividades no propio instituto, recepción oficial na Casa do Concello e saídas á Coruña, Santiago de Compostela e a varias localidades da Costa da Morte.
A segunda parte do intercambio terá lugar do 9 ao 15 de abril, cando dez alumnos laracheses que cursan 3º de ESO acudirán a Les Sables d’Olonne.
José Manuel López Varela transmitiulle a Ana Rodríguez a plena disposición do Concello para colaborar e o orgullo do xurdimento de iniciativas destas características, xa que “que os participantes poidan reforzar a aprendizaxe dos idiomas, coñecer outras culturas e establecer relacións de amizade entre familias é o verdadeiro espírito do irmanamento”.