• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Secretaria Xeral de Igualdade copresidiu a reunión da mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores de sanidade e o ensino

14/02/2023

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, copresidiu hoxe xunto al alcalde, José Manuel López Varela, a reunión da  mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino. Participaron, tamén, a concelleira de Muller, Rocío López, a directora do Centro de Información ás Mulleres da Laracha, Ana Aldao, representantes dos equipos directivos e orientadoras dos centros de ensino do termo municipal (IES Agra de Leborís e CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión), a pediatra e a enfermeira de pedriatría do centro de saúde da Laracha e o comandante de posto da Garda Civil da Laracha.

O principal asunto a tratar na xuntanza consistiu no reforzamento dos mecanismos de coordinación entre a Secretaría Xeral de Igualdade e todos os sectores profesionais representados na mesa ante a detección de posibles casos de violencia de xénero coa finalidade de facilitar a comunicación e poder actuar nos prazos máis curtos posibles.

Neste sentido, tamén foron valoradas as fortalezas e posibles debilidades da guía elaborada polo Concello e trasladada a cada sector profesional na que se recolle o protocolo de actuación sobre como proceder para facilitar e optimizar o fluxo de información entre todos os implicados.

Ademais, abordouse a programación municipal que se levará a cabo para conmemorar o Día Internacional das Mulleres o próximo 8 de marzo, xa que gran parte das actividades para visibilizar esa data serán desenvolvidas nos centros de ensino. Os contidos dese programa, que serán consensuados cos equipos directivos e orientadoras dos colexios e do instituto, faranse públicos en próximas datas e tamén incluirán iniciativas abertas á participación da cidadanía en xeral.