Concello
A exposición “Mergulla na historia do mar” do proxecto “Rimartes” chega ao centro sociocomunitario de Caión
14/02/2023
O centro sociocomunitario de Caión albergará desde mañá mércores a exposición itinerante Mergulla na historia do mar que durante os últimos meses percorreu o litoral noroeste de Galicia para mostrar a riqueza do noso patrimonio subacuático. Poderase visitar ata o 28 de febreiro, de luns a venres en horario de 17:00 a 20:00 horas.
A mostra reúne as fotografías gañadoras do I Certame RIMARTES de FotoSub en Pecios e unha selección de imaxes que nos recordan, desde terra, o vínculo dos naufraxios con enclaves naturais, construcións civís, áncoras e faros.
RIMARTES. Riquezas do mar, tesouros do profundo (www.rimartes.com) é o proxecto no que se enmarca a exposición, que é promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa Sostible, Golfo Ártabro Sur e Costa da Morte -o Concello da Laracha está asociado a este último-. A iniciativa é cofinanciada con fondos europeos e procura favorecer a economía local a través do turismo experiencial e de mergullo, potenciando o que o proxecto cualifica como “museos no fondo do mar” na franxa litoral que comprenden os tres GALPs entre os municipios de Bergondo e Porto do Son.
A través de RIMARTES preténdese impulsar un turismo emocional capaz de atraer visitantes locais, nacionais e internacionais ao longo de todo o ano para colaborar coa desestacionalización do sector.