• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza obradoiros sobre o emprego do teléfono móbil para maiores de 55 anos

13/02/2023

O Concello organiza os obradoiros sobre o manexo dos teléfonos móbiles intelixentes dirixidos a persoas maiores de 55 anos de idade que se van impartir durante os próximos meses nas trece parroquias do municipio.

A iniciativa lévase a cabo co propósito de achegar o mundo das tecnoloxías ao público adulto e ao colectivo da terceira idade para favorecer que poidan sacar o máximo proveito dos seus smartphones e das aplicacións que lles resulten útiles para a súa vida cotiá, sexa para a realización de trámites coas administracións, solicitar citas médicas, diversificar o tempo de ocio ou optimizar a relación e comunicación co entorno. En definitiva, trátase de reducir a brecha dixital e que cada asistente aprenda a desenvolver actividades básicas no manexo do teléfono móbil para que coñeza as posibilidades que ofrece, incorpore a tecnoloxía á súa vida e poida adaptala ás súas necesidades para potenciar a autonomía persoal, favorecer o seu benestar e aumentar a calidade de vida.

Cada obradoiro constará de catro sesións de hora e media de duración cada unha a impartir en horario de 9:45 a 11:15. A relación de parroquias e datas nas que se levarán a cabo é a seguinte:

  • Lendo: 23 e 27 de febreiro e 1 e 3 de marzo.
  • Coiro: 24 e 28 de febreiro e 2 e 6 de marzo.
  • Montemaior (escola de Cumiáns): 7, 9, 13 e 15 de marzo.
  • Lemaio: 8, 10, 14 e 16 de marzo.
  • Soandres: 17, 20, 22 e 24 de marzo.
  • A Laracha (1ª quenda): 21, 23, 28 e 30 de marzo.
  • Cabovilaño: 27, 29, 31 de marzo e 3 de abril.
  • Soutullo: 10, 12, 14 e 18 de abril.
  • Vilaño: 11, 13, 17 e 19 de abril.
  • A Laracha (2ª quenda): 20, 24, 26 e 28 de abril.
  • Paiosaco (1º quenda): 21, 25, 27 de abril e 2 de maio.
  • Caión (centro social): 3, 5, 8 e 10 de maio.
  • Golmar (museo dos muíños): 4, 9, 11 e 15 de maio.
  • Erboedo: 12, 16, 18 e 23 de maio.
  • Paiosaco (2ª quenda): 19, 22, 24 e 25 de maio.

As inscricións son gratuítas e xa poden formalizarse no departamento de servizos sociais acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.

Cartel obradoiros emprego móbil