Concello
O Concello impulsa a iniciativa “Eu merco na Laracha” para reactivar o comercio local cunha dotación de 40.000 euros
11/02/2023
O Concello está a ultimar os detalles do programa Eu merco na Laracha que impulsará co propósito de dinamizar e reactivar a economía do comercio, a hostalería e os servizos do termo municipal.
Eu merco na Laracha consistirá nunha campaña de bonos que se porán a disposición da cidadanía larachesa para empregar nos establecementos adheridos ao programa, subvencionando deste xeito as compras desde o Concello. Así, fortalecerase os negocios locais e fomentarase o consumo de proximidade nos sectores comerciais, hostaleiro, cultural, educativo, salóns de peiteado e beleza, taxis, etc.
O programa terá unha dotación económica inicial de 40.000 euros, xa consignada nos orzamentos municipais deste ano.
Nos próximos días faranse públicas as bases do programa Eu merco na Laracha, nas que quedarán regulados aspectos como os comercios, establecementos e negocios que poderán adherirse, os requisitos que deben cumprir os beneficiarios, e o modo de solicitude, concesión e contía económica dos bonos.