• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O punto limpo e a recollida a domicilio de voluminosos superaron os 2.000 usuarios en 2022

10/02/2023

Coregal, a empresa que xestiona no termo municipal da Laracha as instalacións do punto limpo e a recollida e transporte dos residuos sólidos urbanos, vén de trasladar ao Concello o informe da actividade do 2022.

Como dato máis significativo, ao longo do ano pasado superouse a cifra dos dous mil usuarios entre os que acudiron ao punto limpo (1.181) e as persoas que se beneficiaron do servizo de recollida domiciliaria de voluminosos (845).

Entre o material recollido e xestionado no punto limpo para o seu posterior tratamento en centros especializados cabe salientar as 71,5 toneladas (t) de madeira, 30 t de electrodomésticos, 24 t de voluminosos, 18 t de entullos, 15 t de metais, 11 t de televisións e monitores, 10 t de plásticos, 3 t de pneumáticos, 2 t de pintura, 1,5 t de vidro. En menor cantidade tamén foron recollidos aceites domésticos, baterías, envases, pilas, aerosois e fluorescentes.

Cabe lembrar que o punto limpo da Laracha, situado xunto á ponte do Formigueiro, é un servizo gratuíto que está a disposición da cidadanía os luns (15:00 a 20:00 h), mércores, venres (16:00 a 20:00 h) e sábados (9:00 a 14:00 h). Tamén é gratuíto o servizo de recollida domiciliaria de voluminosos, que debe solicitarse chamando ao teléfono 900701120.

Residuos sólidos urbanos

En canto aos residuos sólidos urbanos, os datos de 2022 indican que os laracheses depositaron 3.790 toneladas no contedor inorgánico da fracción resto, 145 t nos amarelos de envases lixeiros e 118 t no marrón de orgánicos. Este último, para evitar o depósito de impropios e facilitar que o material recollido sexa posteriormente convertido en compost, require dunha chave para poder abrir os recipientes. Calquera persoa pode solicitala contactando co Concello.

Ademais, recolléronse 198 t de envases de vidro dos iglús verdes e 94 t de papel e cartón nos contedores azuis, ao que se engaden outras 28 t de cartón do servizo de recollida porta a porta que se presta ás empresas.

O Concello agradece á veciñanza o esforzo na separación dos residuos e o seu depósito no contedor adecuado por tratarse dunha cuestión esencial para facilitar o posterior tratamento e reciclado por parte de xestores especializados.

Programa de compostaxe doméstica

O Concello lembra, tamén, que ten en marcha unha campaña para potenciar a compostaxe doméstica consiste na cesión gratuíta de composteiros combinada con campañas informativas e visitas de persoal especializado ás propias vivendas para a súa implementación, seguimento e asesoraramento sobre o uso axeitado do equipamento.

Aquelas persoas que residen no termo municipal da Laracha nunha vivenda con parcela anexa poden solicitar de balde o seu composteiro co kit de compostaxe cumprimentando este FORMULARIO ou poñéndose en contacto co Concello.