• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

COMEZA A DESENVOLVERSE O PROGRAMA MUNICIPAL DE NADAL, QUE INCLÚE DIVERSAS ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

16/12/2016

Con motivo da celebración das festas do Nadal, o Concello da Laracha volve organizar o seu programa de actividades específico para estas datas por medio do que se pretenden alcanzar varios obxectivos diferentes e complementarios: fomentar o espírito do Nadal entre a poboación do municipio, ofrecer propostas de ocio -especialmente dirixidas aos nenos para axudar á conciliación das súas familias- e apoiar economicamente tanto ao comercio local como ás asociacións culturais e coros parroquiais por medio dos certames de escaparates e de panxoliñas.   

 

Nesta completa programación municipal inclúense propostas para case todos os días laborables, salientando a presenza dos tradicionais concursos, obradoiros infantís, espectáculos teatrais, sesións de cine, contacontos e a cabalgata dos Reis Magos.   

 

O xoves 15 pola mañá xa se desenvolveu o primeiro dos eventos. Como cada ano, os alumnos dos colexios asistiron en horario escolar á primeira xornada do festival de teatro infantil, con actuacións na Casa da Cultura da Laracha. Tralas funcións, os rapaces recibiron a visita de Papá Noel no propio auditorio da capital municipal. Espectáculos de similares características levaranse a cabo o luns no centro sociocultural de Paiosaco e o martes, de novo na Casa da Cultura da Laracha.   

 

Durante as últimas semanas os alumnos dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión, así como das escolas unitarias A Revoltiña de Soandres e Cumiáns de Montemaior), traballaron nos debuxos e nos textos que presentaron aos tradicionais concursos de postais e de conto. O xurado realizará a valoración de todos os traballos presentados mañá na biblioteca municipal da Laracha. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, o venres 23 de decembro na Casa da Cultura da Laracha.   

 

Os outros certames de Nadal son o concurso de panxoliñas “María Angeriz Tuset”, que se vai desenvolver este sábado a partir das 18:30 horas na Casa da Cultura, e o concurso de escaparates, no que o prazo de inscrición rematará mañá. Neste último caso, a valoración por parte do xurado farase na tarde do xoves día 29 de decembro.   

 

Ante o éxito de pasadas edicións, volveranse realizar diversidade de obradoiros infantís con diferentes temáticas, pero sempre relacionadas coas festas do Nadal. Desenvolveranse en horario de mañá no edificio de servizos múltiples de Laracha e no Centro de interpretacións dos muíños de auga da Costa da Morte de Golmar. Tamén haberá obradoiros de galletas e cupcakes que se realizarán en tres quendas o luns 26 o mércores 28 e o martes 3 de xaneiro, sempre pola tarde na Casa da Cultura.   

 

O martes 27 de decembro ofrécese unha dobre proposta para os máis pequenos. No baixo da biblioteca realizarase o espectáculo sensorial para bebés titulado A alfombra máxica. Ao mesmo tempo, a Casa da Cultura acollerá o concerto didáctico Cantarolas para xente xoven, dirixido a cativos maiores de dous anos de idade. Neste caso a iniciativa parte da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia –na que está integrada o Concello da Laracha- e trátase dun espectáculo que une a figuras representativas da historia e cultura galegas como son Xosé Neira Vilas e Suso Vaamonde.   

 

Outras propostas do programa serán a proxección do filme de animación Holy Night o venres 30 no centro sociocultural de Paiosaco, a obra de teatro infantil Fábula Galénica do luns 2 de xaneiro na Casa da Cultura e as sesións de contacontos a realizar o xoves 29 (A Laracha) e o mércores 4 (Paiosaco). En todos os casos será a partir das 17:30 horas.   

 

A cabalgata dos Reis Magos pechará as festas do Nadal e tamén o programa de actividades do Concello o xoves 5 de xaneiro. A saída da praza do Concello está prevista para as 16:30 horas. Chegarase a Caión ás 17:30 e realizarase un encontro cos nenos no porto. A seguinte parada, no campo da feira de Paiosaco, estímase que será ás 18:30. Na Laracha, tras facer un percorrido polas rúas da capital municipal, chegarán ao pavillón do IES Agra de Leborís ás 19:30 horas. Nese lugar os nenos están convidados a agardar polas Súas Maxestades os Reis Magos desde as 17:00 participando nunha gran Festa Infantil.

Compartir: