Concello
O Concello aumenta a anchura da calzada entre O Castro e A Lagarteira
07/02/2023
O Concello continúa desenvolvendo intervencións na rede viaria no marco do plan de mellora e mantemento en bo estado de conservación das estradas e camiños de titularidade municipal. Neste caso as obras que están en execución afectan ás parroquias de Cabovilaño, Coiro, Golmar e Vilaño.
A actuación de maior envergadura consiste na ampliación da plataforma da vía que comunica os núcleos de O Castro e A Lagarteira, e que tamén é unha vía alternativa de acceso ao parque empresarial desde a estrada AC-552. Grazas ao acondicionamento dos sobreanchos, a amplitude do viario incrementarase ata os 6,5 metros (antes das obras era de 5 metros) ao longo de quilómetro e medio de lonxitude. Tamén se inclúe a ampliación da rede de recollida de pluviais e a reordenación da marquesiña e do punto no que se sitúan os contedores de lixo.
O alcalde, José Manuel López Varela, que visitou as obras cos concelleiros Jesús Souto e Patricia Bello, explicou que esta intervención terá continuidade con outro proxecto, xa adxudicado, que prevé a renovación do pavimento en tres camiños do núcleo de Oldán e os seus accesos situados xunto á vía sobre a que se está a traballar actualmente.
O proxecto actualmente en execución tamén inclúe outra serie de intervencións. Na parroquia de Coiro afectan a tres puntos diferentes: a estrada que comunica A Ferrulleira coa DP-1913 e as dos núcleos da Fontefría e Fornos. En todas elas serán mellorados os viarios.
Traballos de simulares características levaranse a cabo en Vilaño, na estrada que vai de Vista Alegre a Samiro. Na vía que leva ata A Piña desde O Ramallal (correspondendo este último núcleo á parroquia de Golmar) tamén está prevista a ampliación da calzada co acondicionamento dos sobreanchos.
O Concello inviste 200.000 euros neste proxecto procedentes integramente de fondos propios municipais.