• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O programa de Entroido inclúe propostas para todos os públicos, especialmente para o infantil

31/01/2023

O Concello presenta o programa municipal de actividades que organiza con motivo da celebración das Festas do Entroido e que se desenvolverá do domingo 19 ao mércores 22 de febreiro. As propostas van dirixidas a todos os públicos, pero especialmente ao infantil aproveitando as vacacións nos centros de ensino.

O evento central será o tradicional concurso de disfraces do Martes de Entroido (21 de febreiro, festivo local na Laracha). Mañá mércores abrirase a inscrición, que debe formalizarse cubrindo este FORMULARIO. O certame vai dirixido a todos os públicos e repartiranse máis de 3.000 euros en premios. Celebrarase na Praza do Concello (pavillón do IES en caso de condicións climatolóxicas adversas) a partir das 18:30 horas, no descanso da verbena que principiará ás 17:00 e que estará amenizada pola Orquestra Los Satélites.

As categorías de premios establecidas son as seguintes:

  • Individual infantil (ata 12 anos).
  • Individual adulto (a partir de 13 anos).
  • Parellas.
  • Grupos (de 3 a 8 compoñentes).
  • Comparsas (máis de oito compoñentes)

 

 

 

 

Nas categorías individuais as contías dos premios serán de 60, 50 e 40 euros para os tres primeiros clasificados. En parellas hai establecido un único premio de 70 euros. Os grupos optarán a 200, 150 e 100 euros. Os premios para as comparsas ascenden a 600, 500 e 400 euros. Ademais, ata un máximo de dez comparsas non premiadas poderán obter a un accésit de 100 euros polo feito de participar.

Festa de Entroido

Recuperando os eventos tradicionais deste programa que non puideron levarse a cabo nos últimos anos por causa da pandemia, o domingo 19 de febreiro pola tarde (17:30 a 20:30 horas) regresa a Festa de Entroido ao pavillón do IES Agra de Leborís. Durante a xornada os nenos poderán desfrutar xogando nos inchables, cos xogos interactivos e tamén da presenza dun DJ infantil que proporá coreografías e bailes. Ademais, repartiranse larpeiradas entre todos os rapaces que acudan disfrazados.

Obradoiros infantís

A programación tamén inclúe dous obradoiros de diferentes temáticas relacionadas co Entroido adaptadas aos grupos de idade aos que van dirixidos.

O luns día 20 os escolares de 5º e 6º de educación infantil e de primeiro de primaria poderán participar nos obradoiros de elaboración de máscaras e de bichiños con lingua. Hai dúas quendas, de 10:00 a 12:00 h e de 12:00 a 14:00 h.

O mércores 22 a temática será a realización de máscaras, complementos e cañón de confeti. Convídase a participar a alumnos de 2º a 6º de educación primaria. Tamén haberá dúas quendas, pero en horario de tarde de 16:00 a 18:00 h e de 18:00 a 20:00 h.

No caso destes obradoiros requírese estar empadroados no Concello da Laracha e inscrición previa a formalizar a partir do 13 de febreiro.