Concello
O Concello mellora a rede viaria en seis núcleos de poboación da parroquia de Montemaior
28/01/2023
Continuando co plan municipal de mellora e mantemento da rede viaria, o Concello está a executar unha serie de intervencións programadas en varios núcleos rurais da parroquia de Montemaior.
As obras localízanse nestes momentos no lugar de Casaslongas, cunha intervención que afecta a tres camiños nos que se está a dotar a estrada cunha nova capa de aglomerado para facilitar a circulación dos vehículos.
A continuación, nos próximos días están previstas intervencións nas vías dos núcleos e nos accesos a O Batalo, Bardenlos e A Ferreira para mellorar a superficie de rodadura, a rede de recollida de augas pluviais e as cunetas. Ademais, realizaranse as sinalizacións viarias oportunas, tanto horizontal como vertical, nos puntos nos que así sexa necesario.
No núcleo de O Lorteiro está prevista a renovación do firme, o acondicionamento dos sobreanchos e a correspondente sinalización para aumentar a seguridade viaria.
Por último, en Pazos tamén será mellorada a superficie de rodadura dos vehículos.
A conservación do bo estado das estradas de titularidade municipal é cuestión prioritaria na xestión do goberno local por implicar que se faciliten as comunicacións rodadas e os accesos aos máis de trescentos núcleos de poboación rural existentes.