O CONCELLO OUTORGA QUINCE PREMIOS NOS CONCURSOS DE POSTAIS E CONTO DE NADAL
19/12/2016
Os membros do xurado dos concursos de Nadal de postais e de conto convocados polo Concello da Laracha reuníronse o venres 16 de decembro na biblioteca municipal da Laracha, onde valoraron os máis de trescentos traballos presentados entre ambos certames polos alumnos de todos os centros de educación infantil e primaria que existen no municipio. Dito xurado estivo formado por Patricia Bello -concelleira de área de ensino, cultura e deportes- a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, a responsable da biblioteca e representantes dos colexios da Laracha, Paiosaco e Caión.
Ao concurso de postais presentáronse traballos individuais e tamén colectivos, realizados neses casos conxuntamente polos alumnos das aulas de educación infantil. Houbo tres categorías de premios, diferenciadas por grupos de idade.
O concurso de conto mostrou a imaxinación e facilidade para a escritura dos participantes, sendo sempre a título individual, tal e como establecían as bases do certame, contando neste caso con alumnos do terceiro ciclo de educación primaria como únicos participantes.
Os quince premios outorgados polo xurado serán entregados aos gañadores nun acto que se desenvolverá o venres 23 de decembro a partir das 12:00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Consistirán en xogos e en material educativo acorde ás idades de cada un dos premiados.