• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O goberno local elevará ao Pleno a súa proposta para destinar os fondos do POS+2023

21/01/2023

Na sesión ordinaria do Pleno que se celebrará o próximo venres a principal cuestión a tratar será proposta do goberno local para destinar os fondos do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan Único Concellos) POS+2023, asunto que será sometido o martes ao ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do Pleno.

Con cargo ao POS+ 2023 o Concello da Laracha percibirá un total de 693.967,85 euros divididos en tres achegas con diferentes finalidades: 237.708,23 euros destinaríanse a investimentos, 353.233,18 serían para gasto corrente e 103.026,34 euros corresponden ao POS+ Adicional para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.

Actuacións de investimento

A cifra total para actuacións de investimento, engadindo a achega municipal de 82.998,08 euros, ascendería a 320.706,31 euros.

O proxecto de maior orzamento que o goberno local propón cofinanciar con estes fondos é a substitución do céspede artificial do campo de fútbol Municipal da Laracha. Contémplase a renovación completa da superficie de xogo mantendo as dimensións actuais tanto do campo de fútbol 11 como dos dous campos de fútbol 7. Tamén se farán as intervencións oportunas para a mellora da rede de recollida de pluviais. O presuposto alcanza os 215.000 euros.

O outro proxecto, cun orzamento de preto de 106.000 euros, tería por fin a mellora dun tramo de 1,3 quilómetros de distancia da estrada municipal que parte do Igrexario de Golmar (desde o cruce coa DP-2404) ata San Pantaión e que tamén dá acceso, por tanto, á parroquia de Soutullo por A Xesta. Ademais da renovación do pavimento prevese o acondicionamento dos sobreanchos, mellora na drenaxe e a sinalización horizontal e vertical para aumentar a seguridade viaria.

De alcanzarse o acordo plenario, tamén quedaría definido o  Plan complementario, que ten natureza de reserva e a súa finalidade é poder investir os créditos procedentes no caso de que se acordase unha maior achega para o POS+ ao longo do exercicio 2023.

Neste caso o orzamento alcanza os 225.025,26 euros e inclúe actuacións de mellora da rede viaria na parroquia de Caión (estrada entre a DP-1909 e O Outeiro), Lendo (A Fontenla e Escurido), Lemaio (Estrada A Fraga-O Pereiro) e Erboedo (estrada entre A Fontenla e O Loureiro).

POS+ Adicional

Como se detallou previamente, coa achega de 103.026,34 euros do POS+ Adicional financiaríanse gastos sociais extraordinarios que asumirá o Concello ao longo deste ano.

As tres áreas ás que o goberno local proporá destinar ditos fondos son o reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais municipais, a ampliación da dotación das partidas municipais destinadas á axuda de emerxencia a colectivos en risco de exclusión social e para medidas sociais para atender a persoas vulnerables.