• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Concello e arcebispado de Santiago asinan o convenio de cesión da casa reitoral de Montemaior

10/01/2023

O alcalde, José Manuel López Varela, e o ecónomo diocesano do Arcebispado de Santiago, Fernando Barros Fornos, asinaron o convenio de cesión da casa reitoral de Montemaior. O acto celebrouse na sala de xuntas da Curia diocesana, e tamén participaron nel o párroco de Montemaior, D. Isolino Esmorís, e D. Manuel Mallo, membro da Delegación Diocesana de Economía e que tamén é párroco de Soandres.

En virtude do acordo subscrito, o Concello da Laracha disporá do inmoble por un prazo de vinte e nove anos, incluíndo tanto a casa reitoral como as súas dependencias anexas e a finca. O compromiso municipal é recuperar a edificación e ofrecerlle novos usos de interese xeral comunitario por medio da execución dun proxecto que transformala a antiga reitoral nun espazo multifuncional que será empregado como punto de encontro para os veciños, albergue con vinte e cinco prazas e centro de referencia para o sector primario, xa non so para a parroquia, tamén para o conxunto do termo municipal da Laracha. Isto permitirá incrementar a oferta de actividades culturais e educativas a realizar na parroquia de Montemaior, reforzar a participación do Concello en programas de intercambio e voluntariado xuvenil nacional e internacional e poñer en marcha iniciativas de tipo técnico e formativo relacionadas especialmente coa agricultura e a gandería.

Ademais, nos locais anexos ao edificio principal serán reservadas dependencias para uso exclusivo da parroquia, especialmente para funcionar como arquivo, e tamén aseos públicos.

O alcalde, que considera a reitoral de Montemaior como “unha das mellores edificacións do municipio”, felicitouse pola cesión do inmoble ao Concello “polo período de tempo máximo posible”, apuntando que, ademais das oportunidades que ofrecerán os novos espazos, tamén se vai recuperar e conservar un edificio histórico que forma parte do catálogo de patrimonio municipal e que durante as últimas décadas perdera o seu uso orixinal, carecendo actualmente de actividade.