Concello
O Concello sacará a licitación en xaneiro a construción da pista polideportiva en Paiosaco e a ampliación do punto limpo
29/12/2022
O Concello está a completar os procedementos de adquisición dos terreos necesarios para executar dous proxectos de interese xeral para a cidadanía larachesa.
Por unha parte, no día de hoxe foi escriturada a nome do Concello da Laracha a parcela de 9.000 metros cadrados de superficie situada a carón do CEIP Alfredo Brañas que foi adquirida co obxecto de aumentar os equipamentos na vila de Paiosaco.
A primeira actuación será a construción dunha pista polideportiva descuberta que complementará os equipamentos existentes no entorno no que, ademais do colexio, están localizados o campo de fútbol municipal A Porta Santa e o centro sociocultural de Paiosaco. O proxecto está valorado en 157.000 euros. A pista ocupará soamente unha parte dos terreos adquiridos, quedando espazo dispoñible para, no futuro, continuar incorporando equipamentos dotacionais á vila.
Por outro lado, procedeuse ao levantamento das actas previas á ocupación dos terreos afectados polo proxecto de ampliación do punto limpo da Laracha. Trátase dunha única parcela catastral situada a carón das instalacións actuais e que suma unha superficie de 5.096 metros cadrados.
O proxecto que se executará sobre eses terreos contempla a súa urbanización para a creación dun novo espazo que complementará os servizos que se ofrecen nestes momentos, ademais de facilitar ao persoal as tarefas de recepción, separación, clasificación, almacenamento e control dos residuos para a súa posterior derivación ao xestor correspondente. Está prevista a construción de dúas marquesiñas cubertas (unha para o depósito de contedores e realización de labores de mantemento por parte do persoal das instalacións e, a outra, para contedores especiais), plataformas para o incrementar a cantidade de contedores para os diferentes tipos de residuos, espazos de aparcamento de vehículos e áreas axardinadas. Tamén se inclúe a sinalización vertical e horizontal das diferentes zonas interiores (manobra, aparcamento, almacenamento de residuos, etc), así como actuacións dirixidas á recollida de augas pluviais. O proxecto está valorado en 250.000 euros.
O Concello, unha vez que xa é titular dos terreos necesarios, ten previsto sacar a licitación durante o próximo mes de xaneiro ambos proxectos, que suman un importe superior aos 400.000 euros, ao que hai que engadir os máis de 100.000 euros investidos na adquisición das parcelas.