• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello presenta alegacións ao proxecto do parque eólico Meirama

28/12/2022

O Concello presentou ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa o documento de alegacións á autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto de interese autonómico do parque eólico Meirama.

Dito proxecto contempla a instalación de seis aeroxeneradores preto do límite entre os termos municipais da Laracha e de Cerceda cunha potencia máxima total de 21 MW. Catro deles están previstos na larachesa parroquia de Soandres, na zona coñecida como Monte da Cabra.

Considérase que os aeroxenedarores, polo seu emprazamento, dimensións e velocidade de xiro, poderían afectar aos núcleos de poboación situados a unha distancia de entre cincocentos e mil metros, polo que se reclama un estudo máis profundo sobre as posibles afeccións ambientais e paisaxísticas que levarían consigo ditas infraestruturas. Ademais, alégase que a avaliación ambiental debería ter en conta factores como a contorna na que se situarían os aeroxeneradores e o contexto socioconómico da zona en relación a actividade gandeira e agrícola que alí se desenvolve.

Do mesmo xeito, demándase un estudo acústico máis específico para determinar con maior eficacia os niveis de emisión de ruído, en especial nas áreas nas que existen núcleos de poboación, vivendas e construcións agrogandeiras, así como o establecemento de medidas correctoras no caso de que se prevexan afeccións significativas.

Tamén se solicita que a empresa promotora realice un estudo pormenorizado das captacións de auga para traídas veciñais existentes na área afectada e que, ante a presenza de tráfico pesado que implicaría a construción e posta en marcha do parque eólico, estea prevista a pavimentación das vías municipais de acceso.