• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A parroquia de Lendo pasa a ser considerada como zona tampón do cultivo da pataca

23/12/2022

Despois de tres anos desde a inclusión de Lendo na zona demarcada pola praga da couza guatemalteca da pataca, a Consellería do Medio Rural vén de anunciar que esa parroquia pasa a ser considerada zona tampón, isto é, un espazo límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e no que se permite plantar ese tubérculo pero coa obriga de comunicar á Xunta de Galicia o cultivo. Dito trámite pode realizarse no Concello, debendo indicar a persoa interesada os datos da parcela e a cantidade de produto que se vai cultivar.

O Concello realizará unha campaña informativa na parroquia de Lendo distribuíndo bandos da Alcaldía sobre esta cuestión. 

A prohibición da plantación de pataca permanece vixente na parroquia de Caión ao estar considerada aínda como zona infestada.

Na actualidade, os datos de seguimento da presenza da couza guatemalteca están mostrando un avance significativo na súa contención, o que sería a fase previa para valorar a súa posible erradicación. O 2019 foi o momento de máxima expansión deste organismo nocivo en Galicia e prevese que a praga poida erradicarse na nosa comunidade nos vindeiros dous anos.