Concello
O Concello organizará unha acción formativa (AFD) para desempregados centrada na atención a persoas dependentes en institucións sociais
23/12/2022
A Laracha acollerá unha acción formativa dirixida a desempregados (AFD) centrada na atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia vén de comunicar a concesión da subvención de 44.340 euros ao Concello para o financiamento desta iniciativa dirixida a impulsar o emprego estable e de calidade por medio do reforzamento da formación e especialización das persoas participantes para aumentar as súas competencias profesionais e mellorar os servizos de atención a dependentes.
O procedemento de selección tanto do persoal docente como do alumnado iniciarase nos próximos días. Desde o Concello recoméndase a aquelas persoas interesadas na realización do curso que comproben á maior brevidade que están inscritas na súa oficina de emprego de referencia como desempregadas e demandantes de emprego, e que a súa demanda formativa inclúe a atención a persoas dependentes.
O plan formativo constará dun total de 468 horas a impartir en 88 días lectivos -previsiblemente, de luns a venres en horario matutino-, que ademais da materia específica inclúen tamén dous módulos transversais: un sobre igualdade de xénero e outro relacionado coa formación para a igualdade, a inserción laboral e a sensibilización medioambiental.
Esta acción formativa desenvolverase nunha aula-taller do edificio administrativo da Laracha que foi homologada polo Concello para actividades destas características. A previsión do é poder iniciala no primeiro trimestre do vindeiro ano 2023.