• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

ELECTRODOMÉSTICOS ERVE, PRIMEIRO PREMIO DO 21º CONCURSO DE ESCAPARATES DE NADAL

02/01/2017

O xurado da 21ª edición do concurso de escaparates de Nadal –composto por representantes municipais e Concha Iglesias, a presidenta da Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha (ACSIL)- que cada ano convoca o Concello da Laracha reuniuse na tarde de onte para visitar e valorar os locais participantes no certame, situados todos eles nas vilas da Laracha e de Paiosaco.   

 

Por terceiro ano consecutivo, Electrodomésticos Erve proclamouse vencedor do certame ao obter o primeiro premio, valorado con 250 euros. Nesta ocasión os responsables do establecemento (situado na rúa Coruña) sorprenderon ao xurado cunha maqueta do centro do casco urbano da Laracha, realizando un percorrido por parte da Avenida Fisterra e comezando na Praza do Concello.   

 

O Concello da Laracha reparte en total 750 euros en premios neste concurso, cuxos obxectivos son o apoio ao comercio local e o fomento da realización de composicións orixinais e chamativas nos seus escaparates, potenciando ademais que os establecementos das rúas do municipio presenten nestas festas unha imaxe característica do Nadal que se combine coa decoración e a iluminación instalada polo propio Concello.   

 

A relación completa de galardoados nesta edición do certame é a seguinte:

   

1º premio (250 euros): Electrodomésticos Erve (Rúa Coruña, 2. A Laracha). 

2º premio (200 euros): Panadería Ramiro (Rúa Epifanio Campo Núñez, s/n. A Laracha). 

3º premio (150 euros): Lazo de Tul (Avenida Fisterra, 105. A Laracha). 

4º premio (100 euros): Cultiagro-Seragra (Avenida Fisterra, 101. A Laracha). 

5º premio (50 euros): Floristería Casbo (Avenida Bergantiños, 25. Paiosaco).

Compartir: