• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Aprobados polo Pleno os orzamentos para 2023, que alcanzarán os 9.850.000 euros

22/12/2022

O Pleno aprobou hoxe con carácter inicial o límite de gasto financeiro, o cadro de persoal e os orzamentos para o exercicio 2023, que presentan un incremento do 14,30 % con respecto ao ano anterior e alcanzarán os 9.850.000 euros. As contas saíron adiante cos votos do grupo de goberno (Partido Popular) e co posicionamento en contra dos dous grupos da oposición (PSOE e BNG).

O alcalde, José Manuel López Varela agradeceu o labor do persoal adscrito ao departamento de intervención por “poder traer as contas antes do remate do ano” e adiantou que agarda que os novos presupostos “estean operativos a finais do mes de xaneiro”.

O rexedor municipal referiuse aos orzamentos como reais, prudentes e cautelosos, e concluíu apuntando que agarda “subilos a doce millóns de euros a final do ano, do mesmo xeito que se fixo co anterior exercicio”. Tamén destacou que o Concello “manterá as taxas e impostos municipais nos tipos mínimos fixados por lei”, facendo referencia especial ao IBI.

No percorrido por todos os capítulos do orzamento, o máis amplo, que se leva máis do 56 % do total dos presupostos, é o de gastos correntes, ao que o alcalde se referiu como “a base fundamental do funcionamento do Concello”. O seu importe increméntase nun 12 % con respecto ao exercicio anterior sendo os factores principais o aumento dos prezos das fontes enerxéticas e a revisión á alza dos custes de diferentes servizos que se prestan desde o Concello -limpeza, mantemento de zonas verdes, xestión dos centros sociais, etc.-. Neste capítulo tamén se recollen partidas económicas para continuar co desenvolvemento de iniciativas de interese xeral, como son os traballos arqueolóxicos para a posta en valor do Castro de Montes Claros e os relativos á nova numeración das vivendas, tanto a dixital como a que se está levando a cabo nas parroquias. Ademais, inclúese toda a programación cultural e deportiva que se organiza directamente desde o Concello.

No apartado de protección social e promoción do emprego, ao que se destina o 23 % do total, recóllense os gastos derivados de todos os equipamentos adscritos aos servizos sociais (escola infantil, centro de día e fogar residencial, centros sociais), programas como o servizo de axuda no fogar e o Harmoniza para facilitar a conciliación, actividades para a promoción da igualdade, o fondo de emerxencia social, a achega municipal para o Plan de Transporte Metropolitano e o financiamento de iniciativas dirixidas a mellorar as capacidades profesionais dos cidadáns para facilitarlles a inserción no mercado laboral. Como principal novidade, o alcalde apuntou que en 2023 o Concello impulsará un plan de reactivación do comercio local dotado con 40.000 euros en bonos e vales para que os cidadáns poidan financiar parte das súas compras nos establecementos do municipio.

Os orzamentos tamén destacan polo esforzo investidor, xa que 1,6 millóns de euros (o 16 %) do total, terá por destino a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais. As catro actuacións contempladas nos presupostos son a rehabilitación da antiga casa reitoral de Montemaior para convertela nunha infraestrutura moderna que funcionará como albergue xuvenil, centro de referencia para o sector primario e punto de encontro para a veciñanza, a renovación do céspede sintético do campo de fútbol Municipal da Laracha, a ampliación das instalacións do punto limpo e a achega municipal para a cofinanciamento, xunto a Augas de Galicia, do proxecto de mellora da rede de abastecemento que prevé a creación dun novo depósito de cabeceira e dunha estación de bombeo de auga potable coas súas correspondentes canalizacións.

No capítulo de persoal prevese o incremento do 2,5 % das retribucións actuais, toda vez que xa se actualizaran durante o ano en curso nun 1,5 %. Por tanto, o aumento será dun total do 4 % con respecto ao ano anterior, cumpríndose así co proxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado.

José Manuel López Varela concluíu a sesión plenaria felicitándose pola aprobación dos orzamentos, que permitirán ao Concello continuar prestando “cada ano máis servizos á cidadanía e de mellor calidade”.