• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A Bandeira Verde de Galicia xa loce na Praza do Concello

19/12/2022

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique Salvador, izaron hoxe a Bandeira Verde de Galicia que xa loce na Praza do Concello como símbolo do recoñecemento da Xunta polo labor a prol da protección da paisaxe e do medio ambiente.

Neste ano son quince os municipios galegos que obteñen este recoñecemento ao ser considerados como os máis dinámicos neste eido por desenvolver boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto da paisaxe, a minoración das emisións de CO2 e a redución do consumo enerxético.

Entra as accións levadas a cabo polo Concello da Laracha e que posibilitaron a concesión deste distintivo cabe salientar a renovación da iluminación pública e das instalacións municipais por luminarias tipo LED de maior eficiencia enerxética, a implantación da quinta fracción da recollida selectiva (colector marrón de orgánicos), humanización de rúas, creación e mellora de sendas peonís e accións de sensibilización en material medioambiental, entre outras iniciativas.

A Bandeira Verde, creada no 2020 e outorgada por primeira vez á Laracha neste ano, pretende convertese nun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía, turistas e visitantes para fortalecer a imaxe dos municipios máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

A Bandeira Verde de Galicia avala as políticas municipais nestes campos e é un aliciente para continuar realizando no futuro accións destas características.