• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde visitou ás participantes no programa “A Laracha Acolle”

18/12/2022

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, realizaron unha visita ás persoas participantes no programa A Laracha acolle nunha das sesións que se están a levar a cabo nas instalacións do centro sociocultural de Paiosaco.

A Laracha acolle vai dirixido ás persoas inmigrantes empadroadas no termo municipal -prioritariamente, ao colectivo das mulleres- e ten por finalidade a súa inclusión social e cultural. Componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda, o taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e, pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural Exprésa-T, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.

Nesta segunda edición do programa, que comezou en setembro e rematará en xuño, están a participar unha quincena de persoas orixinarias de Marrocos, Paquistán, Ucraína, Colombia e Portugal. No encontro co rexedor municipal puideron trasladarlle a súa satisfacción polo desenvolvemento da iniciativa e os seus avances no coñecemento do territorio larachés e da cultura e o idioma galego.

As persoas interesadas en participar no programa A Laracha acolle deben inscribirse no departamento de Servizos Sociais, ben acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811.