• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A fase práctica do obradoiro de emprego centra o seu labor na posta en valor do Castro de Montes Claros

17/12/2022

Os Concellos da Laracha e de Arteixo, co apoio financeiro da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, están a desenvolver conxuntamente un obradoiro dual de emprego, o programa mixto de formación e emprego dirixido a persoas que se atopan en situación de busca activa dun posto de traballo que ten por obxectivo mellorar o seu currículo a través da formación e ofrecerlles un emprego remunerado ao mesmo tempo que realizan traballos de interese comunitario.

O programa consta de dúas especialidades (a de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e a de actividades auxiliares en conservación de mellora de montes) con dez alumnos traballadores en cada unha delas –vinte en total- máis as cinco persoas que compoñen o equipo directivo, formativo e administrativo.

Ambas especialidades realizan a fase teórica no municipio de Arteixo. A fase práctica comezou nesta semana, sendo para A Laracha o punto de actuación exclusivo o Castro de Montes Claros. Os labores que se xa comezaron a levarse a cabo polos dez alumnos traballadores teñen por finalidade a posta en valor do xacemento e do seu entorno, respectando o valor arqueolóxico e preparándoo para un desenvolvemento ecolóxico e práctico. Continuando coas intervencións realizadas nos anos anteriores por diversas iniciativas impulsadas desde o Concello, a intervención céntrase no desbroce e limpeza da croa, reducindo a presenza de especies vexetais invasoras (fundamentalmente, os rebrotes de eucalipto) e potenciando as autóctonas como os castiñeiros e os carballos, aos que se aplicarán tratamentos de enxerto e poda. Ademais, realizaranse estruturas vexetais para delimitar espazos do castro, serán creadas zonas húmidas para facilitar a proliferación dos fungos e levaranse a cabo labores auxiliares para protexer os muros de mampostería existentes.

Nestas primeiras xornadas de actividade sobre o terreo, o persoal do obradoiro recibiu a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Emprego, Rocío López.

O orzamento total do obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI supera os 640.000 euros. A duración é de doce meses, período durante o cal os alumnos traballadores están vinculados aos Concellos cun contrato de formación. Ademais de acceder a unha remuneración e realizar actuacións de interese xeral para a veciñanza, ao completar a especialidade correspondente recibirán o certificado de profesionalidade que acreditará a súa formación, cualificación e competencia para exercer a profesión, mellorando por tanto a súa empregabilidade e facilitando a posterior inserción no mercado laboral.