• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Caión acollerá desde este venres a exposición “Naos-Cetáceos. Baleas. Faros e navíos da Costa da Morte”

15/12/2022

Este venres ás 19:00 horas será inaugurada no centro sociocomunitario de Caión a exposición Nao-Cetáceos. Baleas. Faros e navíos da Costa da Morte composta por acuarelas mariñas de Xosé Iglesias.

O autor ceense é un mariñeiro galego con certas inquedanzas de artista en proceso de autoaprendizaxe. Entre os traballos que exporá poderanse apreciar polbos danzando, faros alumeando, barcos en plena metamorfose e as baleas como parte inseparable do mar da Costa da Morte e da historia da vila de Caión.

O autor pretende que a mostra sexa unha expresión artística de amor ao Atlántico, aos seus navíos pesqueiros, aos sentinelas da noite, á fauna salvaxe e, sobre todo, a eses seres xigantes que tanto supuxeron noutrora para as economías da zona.

A exposición poderá visitarse ata o 13 de xaneiro no horario de apertura das instalacións, de luns a venres entre as 17:00 e as 20:00 horas.