• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A ESPECIALIDADE DE CARPINTERÍA DO OBRADOIRO DE EMPREGO COMEZA A ACTUAR NO PASEO FLUVIAL DO RÍO ANLLÓNS

29/12/2016

Os dez alumnos e o persoal docente da especialidade de carpintería de madeira do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego III continúan desenvolvendo os contidos do programa e avanzando no proceso de formación fixado por esta iniciativa promovida polos dous Concellos en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.   

 

Hai agora tres meses que comezaron as clases prácticas. A mediados de outubro iniciárase o labor práctico no taller habilitado para tal fin polo Concello da Laracha. Agora estanse combinando eses traballos coas actuacións sobre o terreo que permiten aos alumnos adquirir experiencia ao mesmo tempo que melloran infraestruturas municipais para beneficio xeral dos laracheses.   

 

Recentemente actuárase na mellora do mobiliario urbano do parque Maximino Canedo (A Laracha) e nestes momentos os traballos céntranse no paseo fluvial do río Anllóns, desenvolvéndose os primeiros labores na zona situada entre a área recreativa de Gabenlle e o Muíño Grande. As tarefas que se están realizando consisten na limpeza da pasarela de madeira, reparacións e substitucións das táboas deterioradas e aplicación de lasur, un produto especialmente indicado para o tratamento da madeira en exteriores polo seu efecto antideslizante e por favorecer a súa conservación. Tamén está previsto que o obradoiro de emprego actúe na renovación do mobiliario do paseo marítimo de Caión e outras áreas públicas do termo municipal.   

 

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Rocío López, edil delegada das áreas de promoción económica e emprego, realizaron unha visita ao paseo fluvial do río Anllóns para interesarse polos traballos que se están acometendo.   

 

Cabe lembrar que esta especialidade de carpintería de madeira do obradoiro de emprego conta con dez alumnos-traballadores e centra todas as súas actuacións no Concello da Laracha. No outro módulo, o referido á instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, a teoría tamén se imparte na Laracha, pero as actuacións prácticas desenvólvense case na súa totalidade no parque de Monticaño de Arteixo.   

 

Durante os seis meses de duración do obradoiro os vinte alumnos-traballadores participantes están a ter a posibilidade de mellorar a súa empregabilidade participando nun programa formativo remunerado e aprendendo un oficio para facilitar a posterior inserción no mercado laboral. Todas as persoas que conclúan con éxito as aprendizaxes teóricas e prácticas recibirán o certificado de profesionalidade homologado pola Xunta de Galicia do seu correspondente módulo.

Compartir: